Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta acorda recorrer contra a sentenza do Prestige emitida pola Audiencia Provincial da Coruña

O Consello da Xunta acordou este xoves recorrer contra a sentenza ditada pola Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña relativa ao accidente marítimo do buque Prestige, na cal se absolve o capitán do buque dos delitos contra o ambiente e danos en espazos naturais protexidos e se lle condena a nove meses de prisión por un delito de desobediencia grave á autoridade.

O Goberno galego considera que o accidente do petroleiro Prestige provocou graves consecuencias ecolóxicas, sociais e económicas no noso país. Por tanto, a interposición deste recurso de casación ten por obxecto buscar a mellor protección dos intereses públicos e dos cidadáns, así como a defensa do ambiente protexido polo artigo 45 da Constitución española.

O mencionado artigo da CE establece que quen dane o ambiente, ademais de responder penalmente por iso, debe reparar os danos causados. Neste sentido, o acordo adoptado recolle que se debe velar porque a condena que se solicite comprenda tamén a condena ás responsabilidades civís derivadas do delito de xeito que permitan a reparación dos danos.

Deste xeito a Xunta acaba de instar a Asesoría Xurídica Xeral a que interpoña un recurso de casación –ou calquera outro que en dereito proceda- contra a sentenza citada no que se refire á absolución do capitán do barco, Apóstolos Ioannis Mangouras, dos delitos contra o ambiente, danos en espazos naturais protexidos e danos polos cales foi acusado.

Exit mobile version