Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta de Goberno aproba o proxecto das derradeiras obras do 1º centro de recría público en España de gando vacún

A Xunta de Goberno deste venres aprobou o proxecto das derradeiras obras do 1º centro público en España de recría de gando vacún na Granxa Gayoso Castro, dotado de 5,3 millóns de euros. O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, subliñou que “a Deputación financia estas obras ó 100% porque a Xunta, administración galega coas competencias no rural, rexeitou colaborar con esta iniciativa pública en impulso dos 16.300 produtores de leite que hai en Galicia. O Goberno galego ata se negou a visitar as obras do que é o proxecto gandeiro máis revolucionario levado a cabo na Comunidade nas últimas décadas, xa que permitirá ós gandeiros aforrar cartos ó duplicar a capacidade de recría con 3.000 novas prazas, evitando que leven fóra as súas cabezas”.

“As trabas do Executivo de Feijóo a este proxecto foron tal, que o bloqueou durante máis de un ano, que foi o tempo que tardou en concedernos a licenza legal e imprescindible para iniciar as súas obras. E todo isto, cando o Goberno de Feijóo fixo que se destruísen 1.300 empregos no sector lácteo dende o 2009, dende que está na Xunta”, remarcou o voceiro.

Martínez adiantou que, aprobado este venres o proxecto, a institución porá en marcha a semana próxima estas actuacións, coas que xera 200 empregos directos e indirectos na provincia. Para elo, recentemente, a Xunta de Goberno acordou as condicións de execución deste proxecto, establecendo que a parte técnico-económica se desenvolve dende a delegación de Tragsa Lugo, non dende Madrid.

Isto suporá, que serán empresas lucenses as que se beneficien das subcontratacións necesarias para a execución destes traballos. Por exemplo, para a construción dun sistema de depuración pioneiro en Galicia ó ser capaz de xestionar o 100% dos residuos ou para a de 16 silos do penso; para importantes tarefas de electricidade; para a adquisición e instalación do equipamento das 13 naves de recría (cubículos, bebedeiros, arrobadeiras, básculas, cornadizas…); ou para a realización de traballos como movementos de terras, cimentacións, pavimentacións, saneamentos ou formigonados.

“O prazo de execución é de 14 meses, polo que o primeiro centro público en España de recría de gando vacún abrirá as súas portas no 2015”, destacou o voceiro.

Exit mobile version