Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta ofreceu acceso á formación a preto de 450 persoas desempregadas da Mariña mediante os cursos AFD

Cervo, 29 de novembro de 2013.- A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, participou este venres na xornada de clausura do curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que se levou cabo ao longo dos tres últimos meses organizado polo Concello de Cervo.

Arias, acompañada polo alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e concelleiros do seu grupo de goberno, destacou que ao longo deste ano estanse a desenvolver na comarca da Mariña 29 cursos incluídos no programa de Accións Formativas para Desempregados (AFD). Estes cursos, promovidos pola Consellería de Traballo e Benestar, supoñen un orzamento de preto de 1,4 millóns de euros.

A delegada fixo fincapé “no esforzo inversor que supoñen estas actividades, que son un piar fundamental dentro das políticas activas de emprego da Xunta de Galicia” e que na comarca mariñá dan acceso a formación “a preto de 450 persoas sen emprego que dispoñen así dun marco educativo específico para mellorar ou reorientar a súa cualificación profesional”.

Ao fío das opcións que ofrecen estas iniciativas formativas, Arias significou a orientación da programación de cursos AFD cara “aos novos viveiros de emprego, como é o caso das actividades relacionadas coas novas tecnoloxías, o turismo e a atención sociosanitaria”, pero tamén recordou que segue a darse cobertura ás demandas de formación en áreas como a xestión e a administración comercial.

Raquel Arias lembrou que as accións formativas sufragadas polo departamento de Traballo “pretenden mellorar a empregabilidade das persoas sen emprego a través dunha formación axustada ás necesidades do mercado de traballo”, para o que conta coa participación doutras entidades públicas e privadas.

Ao respecto, celebrou a implicación “dos concellos, das organizacións sindicais e empresariais e mesmo de empresas privadas, que organizan boa parte dos cursos e axudan deste modo a configurar unha programación axustada ás necesidades do mercado laboral”.
As accións formativas incluídas neste plan pretenden atender aos requirimentos de competitividade das empresas, recoñecendo os sectores en alza e cualificando ás persoas desempregadas nas habilidades que demandan eses novos viveiros de emprego.

Raquel Arias incidiu na importancia de “prepararse para o novo escenario laboral”, e concluíu facendo referencia a que “a alternativa de reciclarse e de formarse en novas materias é agora máis necesaria que nunca, dado que se precisa capacidade de adaptación para competir con máis recursos no panorama actual do mercado”.

Exit mobile version