Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta reparte 60 mil euros a colectivos femininos e ANPAS para a promoción da participación da muller e facilitar a conciliación da vida familiar e laboral

Lugo, 26 de novembro de 2013.- A Delegación Territorial de Lugo distribuíu preto de 60.000 euros (59.647 euros) entre asociacións e colectivos do ámbito feminino e asociacións de nais e pais de alumnos (Anpas) da provincia de Lugo para fomentar a participación das mulleres e promover actividades extraescolares que permitan a conciliación da vida familiar e laboral.

A resolución destas axudas, que ven de ser publicada no DOG, reflicte a aposta do Goberno galego, coa colaboración do Fondo Social Europeo, por fortalecer e consolidar o movemento asociativo de mulleres e por impulsar medidas que permitan conciliar a vida familiar e a laboral ás mulleres dentro da nosa comunidade. Unha colaboración pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que redunda nunha maior eficiencia laboral e en beneficios para a cidadanía.

En total, son 20 as asociacións de mulleres e entes da provincia de Lugo que van a percibir estas axudas, que oscilan entre os 345 aos 3.000 euros, para impulsar a participación das mulleres e reforzar o movemento asociativo feminino, indispensable na promoción de igualdade de oportunidades. As axudas distribúense en base a catro liñas de actuación:

• Consolidación do movemento asociativo
• Investigación e recuperación da historia das mulleres
• Promoción de hábitos de vida saudable
• Promoción de accións de prevención da violencia de xénero e atención as vítimas

Precisamente no día de hoxe, a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, mantivo unha reunión con asociacións beneficiarias destas axudas no concello de Cervo. Na xuntanza, as representantes dos colectivos abordaron coa delegada territorial distintas actividades que desenvolven as súas asociacións no eido da igualdade.

Polo que respecta ás achegas destinadas a Anpas, un grupo de nove asociacións da provincia lucense percibirán apoio económico a través desta liña específica. Estes colectivos de nais e pais de alumnos terán así unha colaboración económica, de entre 770 e 5.000 euros, para a realización de programas de actividades complementarias e extraescolares que favorezan a conciliación da vida familiar e laboral de mulleres e homes.

Exit mobile version