Como resultado da deliberación do xurado formado pola profesora e investigadora Aurea Ramil, o estudoso e docente Xosé María Felpeto Enríquez e mais crítico literario, Armando Requeixo; o primeiro premio, valorado en 1500 euros, recaeu en Carmen Pereiras Pérez (Cartelle, 1959), quen se fixo co galardón polo conxunto poético titulado ‘De esmagar descalza’, que presentou baixo o lema ‘A metralla dos reloxos’. O segundo premio, de 600 euros, foi para Paulino Peña Álvarez (Vilardevós, 1960), coa obra ‘Nas dársenas do estío’, achegado co lema ‘Os vagalumes perforan a noite’; mentres que o terceiro, de 300 euros recaeu en Jacobo Llamas Martínez (Lugo, 1980), que asinou o texto ‘Elexías’ baixo o lema ‘Fame nas vértebras’.
Esta edición destacou por un alto nivel de participación, chegando a presentarse 64 traballos. Neste sentido, Antonio Veiga felicitou á organización “polo alto grao de participación que se rexistrou neste certame, pese a tratarse dun premio literario de recente creación, ao que, á vista do éxito destas dúas primeiras edicións, auguro un gran futuro”.
“Desde a Vicepresidencia da Deputación de Lugo, na medida do posible, seguiremos apoidando iniciativas coma este certame, que favorece a creación literaria en língua galega. Nestes tempos que corren, fai falta moita poesía, versos con contido social que nos axuden a cambiar o mundo, un mundo no que, as maiorías sociais, os máis necesitados, aqueles aos que, como médico, atendía Leiras Pulpeiro, ven mermados os seus dereitos universais”, concluíu Veiga.
O acto completouse cunha ofrenda floral no Cemiterio Vello de Mondoñedo, diante da sepultura do escritor mindoniense que da nome ao certame, da man do Grupo Literario Manuel Leiras Pulpeiro.