Site icon Crónica3.com A Mariña

Antonio Veiga visitou as prácticas de cine con Óliver Laxe e Alberto Gracia en Mondoñedo

r099Mondoñedo, 11 de novembro de 2013. Os cineastas Óliver Laxe e Alberto Gracia impartiron, esta fin de semana, en Mondoñedo, un obradoiro de prácticas de interpretación con cámara dirixido a actores e actrices tanto profesionais como afeccionados, no marco das accións formativas programadas polo proxecto teatral da área de Cultura da Deputación de Lugo, Buxiganga, para este 2013.

O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, visitou unha das sesións do curso e puido comprobar, in situ, o funcionamento do obradoiro así como o traballo realizado nestes días polos vinte actores e actrices, procedentes de distintos puntos da comarca, que participaron nesta edición, traballo do que posteriormente ser fará un proxección.

O curso, que contou coa colaboración da produtora Gaitafilmes, estruturouse en dúas partes, unha máis teórica, con visionados de películas clásicas, que tiveron lugar na Casa da Xuventude de Mondoñedo, e as prácticas de cine propiamente ditas, que se desenvolveron no antigo casino da cidade mariñá.

As actividades descritas e o modo de traballo que amosaban os directores levaron aos actores e actrices a abandonar a propia representación: ser representación. Presentación de emocións verdadeiras nun marco artificial, cun proceso de purga previo de expresividade, respiración e xesto, que permitirá aos actores alcanzar un estado intermedio que permite o emprego de enerxías baixas ou altas.

Este obradoiro enmárcase dentro das accións formativas que programa o proxecto Buxiganga para este 2013, que ofrece un total de 9 cursos en toda a provincia, 3 deles na comarca da Mariña: ‘Ponte en escena’, impartido en Riotorto por Rosalía Quelle Castro no mes de agosto; e o curso de clown que se desenvolveu en Ribadeo o pasado setembro, da man de Marián Bañobre; aos que se suman estas prácticas de cine.

Exit mobile version