Site icon Crónica3.com A Mariña

Armada: “Lamentamos que ao BNG lle doa que busquemos solucións ás cuestións dos veciños como o transporte ao mediodía”

Cervo, 23 de novembro de 2013- A edil de Educación, Pilar Armada, saíu ao paso das declaracións do BNG criticando o servizo de transporte ao mediodía que se habilitará para aquelas familias que prefiran que os seus fillos vaian comer a casa.

Armada lamenta que aos nacionalistas “lles moleste que busquemos solucións ás cuestións que preocupan aos veciños de Cervo”. Aínda así a edil asegura que “estamos acostumados a que o BNG intente crispar á cidadanía terxiversando as nosas medidas”.

Neste sentido, a responsable de Educación explica que o Concello leva tempo estudando dúas posibilidades sobre o asunto dos comedores, ou ben transporte público ao mediodía ou ben bolsas para o comedor. Pero despois de analizar as dúas opcións, decidiuse polo servizo de transporte: “Sabemos que esta medida non é a máis satisfactoria para todos os pais e nais, pero é a máis factible dentro das nosas posibilidades como Concello”, afirma.

Armada lembrou que esta medida foi acordada coa ANPA do CEIP Cervo e que permitirá que todas as familias que prefiran que os seus fillos xanten na casa se beneficien deste servizo gratuíto que financiará o Concello. Ademais, a edil explicou que esta iniciativa está “dirixida prioritariamente ás familias de Cervo, porque é o noso deber e a nosa obriga velar polo benestar dos noso veciños”.

Pero unha vez conseguido este obxectivo, “tamén temos que preocuparnos por garantir que o colexio de Cervo non perda alumnos e que non se poña en perigo a supervivencia do centro educativo”. Por iso, “unha vez que todas as familias de Cervo se beneficien do servizo de transporte, poderase plantexar que tamén se beneficien familias doutros concellos para que se manteña o número de alumnos e non haxa ningunha dúbida sobre a necesidade de manter en funcionamento o CEIP de Cervo”.

Por iso “pedímoslle ao BNG que non tente confundir aos veciños, porque con estas medidas o Concello preocúpase primeiro polas familias de Cervo e segundo polo colexio de Cervo”. Mostra diso son as obras de mellora do edificio que se van emprender en diferentes fases e que esta mesma semana foron comprometidas ante responsables da ANPA e da dirección do centro.

Exit mobile version