Site icon Crónica3.com A Mariña

Arrincan as obras de mellora da praza dos Campos de San Cibrao

Cervo, 25 de novembro de 2013-O Concello de Cervo informou este luns do comezo das obras de mellora na praza dos Campos, que afectan principalmente á área de xogos e á zona deportiva. Uns traballos que se acometerán en diferentes fases para non entorpecer na vida cotiá da veciñanza e no aproveitamento normal da praza e que en todo caso estarán rematados a finais de decembro.

En concreto, a actuación inclúe traballos de mantemento dos elementos do mobiliario urbano, nos que se aplicarán tratamentos protectores que eviten o seu deterioro pola exposición ás inclemencias meteorolóxicas.

Outra das medidas que se levará a cabo é a mellora do pavimento que rodea a pista deportiva. Para iso, substituirase o actual chan de terra e pedra por un pavimento uniforme en adoquín de formigón. Cabe destacar que as baldosas que existen na actualidade reutilizaranse para o novo pavimento.

Esta actuación é importante xa que se realiza nunha zona de moito tránsito, especialmente para os nenos e nenas. Neste caso, o cambio de pavimento responde ás actuais dificultades de mantemento por parte dos traballadores municipais pola mestura de pedra e céspede a diferentes niveis. Ao mesmo tempo, tamén se mellorará o peche da pista deportiva, retirando algunhas reixas e colocando novas redes de protección.

Estas obras teñen un custo de 43.300 euros que serán financiados integramente con fondos municipais. Esta mañá o alcalde, Alfonso Villares e a edil de Obras, Pilar Armada, estiveron comprobando o inicio dos traballos, que arrincaron no pavimento.

A edil explicou que se trata duns traballos “que afectan a unha das zonas máis utilizadas e aproveitadas por veciños e visitantes, e que supuxo un antes e un despois na vila de San Ciprián”. Armada asegura que “a construción da praza dos Campos foi unha das obras máis importantes dos últimos anos en San Ciprián, a pesar das dificultades e das oposicións a ela, e que se converteu no centro e corazón da vila”.

Exit mobile version