Site icon Crónica3.com A Mariña

As actividades nas parroquias organizadas polo Concello de Ribadeo comezan este venres en Cedofeita e As Anzas

141113 Foto obradoiros parroquiasRibadeo, 14 de novembro de 2013. O Concello inaugura mañá, 15 de novembro, unha nova oferta de ocio dirixida ás parroquias. Segundo explican desde as Concellarías de Igualdade e Servizos Sociais “ao igual que aconteceu no seu día coa ximnasia de mantemento, trátase de achegar novas actividades para dinamizar o rural e garantir unha igualdade entre a cidadanía que reside no núcleo urbán e a do rural”.

As tardes de lecer darán comezo, a modo de proba, os días 15 e 20 de novembro, respectivamente e seguirán ata finais de ano todos os mércores e venres. Mariluz Álvarez Lastra e Teresa González Piñeiroa indicaron no acto de presentación desta programación que “as tardes constarán de dúas horas de duración, nas que se farán un compendio de obradoiros alongados no tempo, complementados con actividades de carácter puntual. Nas tardes de lecer haberá un obradoiro de memoria, no que ademáis se aproveitará para recoller lendas, contos, ditos, cantigas… e tamén hai previsto un clube de xogos e actividades manuais, acompañadas dun café e de tertulia”. A actividade denomínase Aquí…como de 20. Obradoiros de memoria.

Mañá, 15 de novembro, as tardes de lecer darán comezo na escola de Cedofeita de 16 a 18 horas e na escola das Anzas de 18:30 a 20:30 horas. Xa o vindeiro mércores, 20 de novembro, estas actividades chegarán á escola de Rinlo de 16 a 18 horas e á escola de Vilaselán de 18:30 a 20:30 horas.

As Concellaría de Igualdade e Servizos Sociais tamén anuncian que “de forma forma rotativa polas diferentes parroquias haberá na fin de semana Seráns con baile” e subliñan que “a estas actividades poderá acudir calquera veciña/o aínda que non sexa da parroquia na que se vai realizar dita actividade. Non é preciso anotarse”.

González Piñeiroa e Álvarez Lastra animan “a participar destas tardes de lecer e dos seráns con baile, que seguirán despois do Nadal noutras parroquias do noso concello”.

Exit mobile version