Site icon Crónica3.com A Mariña

Balseiro entrevistouse co Conselleiro de Industria quen lle confirmou que recibirá ás traballadoras de Sargadelos o vindeiro xoves 27

Cervo, 23 de novembro de 2013.- O deputado do Grupo Popular e secretario da Mesa do Parlamento de Galicia, José Manuel Balseiro, entrevistouse co conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, coa intención de trasladarlle a inquedanza do cadro de persoal de Sargadelos ante a negociación do novo expediente de regulación de emprego, que só no centro de traballo que esta compañía ten en Cervo, contempla 41 despedimentos.

Ante o interese amosado polo deputado popular o titular do departamento de Economía e Industria, Francisco Conde, confirmoulle que o vindeiro xoves, día 28, en Santiago de Compostela, recibirá aos representantes dos traballadores de Sargadelos coa fin de afondar no coñecemento da situación da empresa, nas distintas alternativas que se están estudando e ter información, de primeira man, da opinión dos representantes do persoal.

Balseiro agradeceu a boa disposición do conselleiro e a celeridade coa que desde o Goberno galego deron resposta a esta petición de entrevista, impulsada polo deputado popular tras manter un encontro, o pasado xoves, en Cervo, cos integrantes do Comité de Empresa.

A ÚNICA ADMINISTRACIÓN QUE APOIOU Á EMPRESA
O conselleiro confirmou ao deputado popular que a Xunta de Galicia está a seguir de preto a situación que atravesa Sargadelos, e confía en que sexa capaz de acadar os acordos necesarios para garantir a súa viabilidade. Non en van –lembra Balseiro- a autonómica foi a única administración pública que apoiou economicamente a esta empresa.

Tanto Balseiro como Francisco Conde coincidiron en que Sargadelos forma parte do patrimonio cultural e económico de Galicia polo que, o Goberno galego, na medida das súas posibilidades, apoiará un plan de viabilidade que asegure o futuro da empresa e o maior número de postos de traballo posibles.

ESPERA A MESMA AXILIDADE DA DEPUTACIÓN
Balseiro fixo, finalmente un chamamento á unidade de acción na busca dun obxectivo común, que non é outro que asegurar a posición competitiva de Sargadelos, amosouse esperanzado en que a solución teña en conta os esforzos desenvolvidos polas traballadoras e traballadores da compañía cerámica nos últimos anos e demandou tamén a implicación da Deputación de Lugo.

Balseiro espera que o presidente da Deputación de Lugo, Jose Ramón Gómez Besteiro, responda coa mesma axilidade que o conselleiro de Economía e Industria ante a solicitude de entrevista cursada desde o Concello de Cervo, onde Balseiro é veciño e tenente de alcalde.

Exit mobile version