Site icon Crónica3.com A Mariña

Barreiro di que Besteiro non pode seguir facendo “oídos xordos” ante a petición inmensamente maioritaria dos concellos que rexeitan o Plan de emprego deseñado polo bipartito

Lugo, 22 de novembro de 2013.- O presidente provincial do Partido Popular de Lugo e portavoz do Grupo Popular no Senado, Xosé Manuel Barreiro dixo este venres que a Deputación de Lugo e, en particular, Jose Ramón Gómez Besteiro “non pode facer oídos xordos” ante a petición “inmensamente maioritaria” dos concellos da provincia que rexeitaron o Plan de emprego deseñado polo bipartito provincial.

No día de onte tiveron lugar 42 plenos municipais extraordinarios, solicitados polos alcaldes populares e nos que se esixiu á Deputación que modifique as bases de convocatoria deste plan que, como denuncian desde o Partido Popular, “discrimina aos parados en función do concello no que residen”. Barreiro lembrou que nos termos actuais, non poderán participar na selección das 80 prazas, 9 de cada 10 parados lucenses, deixando fóra a unha gran maioría deles.

“A grande maioría dos concellos da provincia de Lugo, están a dicir que non están dispostos a aceptar un Plan de emprego discriminatorio e excluínte, os responsables do PSOE e do BNG na provincia como mínimo deberan reflexionar e a darse conta de que deben rectificar porque non é xusto, nin aceptable, nin podemos permitir que se cren parados con máis ou menos dereitos á conveniencia das forzas do bipartito”

SEN XUSTIFICACIÓN
Barreiro quixo deixar claro que a Deputación “ten a obriga de garantir a igualdade de oportunidades entre os lucenses” e non pode seguir “xustificado a marxinación duns parados sobre outros, nin impoñer a exclusión da inmensa maioría dos concellos da provincia”. Socialistas e nacionalistas “non teñen dereito, nin lexitimidade para empregar unha administración, a Deputación, para crear concellos de primeira e de segunda categoría”

FEITO HISTÓRICO
O presidente provincial dos populares lembrou que o acontecido na tarde de onte, coa celebración dos plenos municipais extraordinarios en 42 concellos da provincia, aos que haberá que ir sumando novos municipios segundo se traten as iniciativas presentadas polo PP, “é un feito histórico, dirixido a que a administración provincial non estableza diferenzas de dereitos entre as persoas que se atopan sen emprego”

A XUNTA CHEGA A TODOS OS CONCELLOS SEN EXCLUSIÓN
Barreiro rematou insistindo en que Besteiro “está obrigado a escoitar aos alcaldes lucenses, aos representantes dos veciños desta provincia” e que nese camiño a Deputación debera facer como a Xunta que a través dos programas de cooperación “chega a todos os concellos da provincia, sen exclusión”.

Exit mobile version