Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo conmemorará o Día contra a violencia de xénero cun curso de defensa persoal

Cervo, 22 de novembro de 2013- A Concellería de Igualdade, que dirixe Pilar Armada, dedica a semana que vén aos actos para conmemorar o Día contra a violencia de xénero, fixado para o 25 de novembro. O programa inclúe unha charla, un curso de defensa persoal para mulleres e unha exhibición de Tai-Chi.

A Semana en contra da violencia de xénero arrincará o día 25 cunha charla que terá lugar ás 19 horas na Casa da Cultura. Ademais, porase en marcha un curso intensivo de defensa persoal para mulleres cunha duración de tres xornadas. En concreto, impartirase os días 26, 27 e 28 de 19 a 20 horas no Ecomuseo de Cervo. Durante este curso as asistentes poderán adquirir técnicas básicas de defensa “co obxectivo de mellorar a confianza en si mesmas das asistentes e potenciar a súa sensación de seguridade” explica Armada. Para participar é necesario inscribirse na Casa da Cultura ou no Concello.

A semana pecharase o día 29 cunha exhibición de Tai-Chi organizada pola asociación Alborada coa colaboración do Concello de Cervo, unha merenda e a entrega de diplomas aos participantes. O acto é aberto a el poden asistir como público.

A edil de Igualdade destaca a importancia de celebrar o Día en contra da violencia de xénero “para chamar a atención sobre esta lacra e loitar contra ela concienciando á sociedade e implicando a homes e mulleres nesta tarefa”.

Exit mobile version