Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo multiplica por tres o investimento en bolsas de formación para mozos nos orzamentos de 2014

Cervo, 11 de novembro de 2013-O Concello de Cervo celebrou hoxe a Comisión Especial de Contas para abordar a proposta de orzamentos para 2014. Uns presupostos que no próximo exercicio ascenderán a 5.115.645 euros tanto en ingresos como en gastos, cifra que aumenta nun 3% con respecto ao ano 2013.

Uns orzamentos que a edil de Facenda cualificou de “prudentes, realistas e que dan continuidade a un compromiso firme de manter a prestación de todos os servizos coa mesma calidade que ata o de agora”. Ao mesmo tempo Yolanda Pedreira asegura que a garantía de ofrecer os mesmos servizos non implicará unha subida dos impostos: “No presuposto de 2014, ao igual que fixemos no de 2013, non imos subir as taxas e as ordenanzas, nin sequera imos facer a actualización do IPC, de forma que os veciños non terán que pagar máis polos servizos”.

Desta forma, o Concello pretende protexer especialmente os servizos directamente relacionados co benestar da cidadanía. Unha medida que é posible “polo traballo constante do goberno local para conseguir a solvencia económica e financeira das arcas municipais” engade Pedreira.

Neste sentido, cabe destacar por exemplo a partida destinada a bolsas formativas para os estudantes titulados, que se multiplica por tres con respecto ao 2013. Deste xeito, o Concello decidiu dedicar 100.000 euros para seguir ofrecendo prácticas remuneradas aos mozos e mozas durante o 2014. “Unha forte aposta polo fomento do emprego xuvenil” explica a edil de Facenda.

Outra das partidas que se incrementan é a destinada a seguridade, que se multiplica por sete debido aos gastos derivados dos servizos do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, que o Concello financia ao 20% máis os gastos de mantemento.

Por capítulos, hai que lembrar que no próximo exercicio vaise manter a contía destinada aos investimentos reais, que roldarán os 237.500 euros, unha cifra moi semellante á do 2013. Un importe ao que haberá que sumar futuras subvencións de capital, pero que non se inclúen polo principio de prudencia.

Ao mesmo tempo, Pedreira puxo énfase na “boa saúde das arcas municipais” que permite ao Concello falar dunha situación de estabilidade orzamentaria na que se están cumprindo os límites de gasto marcados pola lexislación. Polo tanto, o Concello de Cervo mantense no obxectivo de déficit cero e segue tendo unha boa capacidade de financiamento. Ademais, non hai que esquecer que un ano máis a administración cervense terá aprobado o presupostos de forma inicial antes do 1 de xaneiro, tal e como establece o Texto Refundido da Lei de Facendas Locais.

A edil lembrou que a Comisión Especial de Contas celebrouse esta mañá despois de convocar a estes efectos aos grupos políticos do Concello en tempo en forma. Unha xuntanza á que acudiron todos os grupos agás o PSOE, que non contou con ningún dos seus tres representantes.

Exit mobile version