Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo proponlle á Deputación destinar a Sargadelos os 3 millóns de euros que non se investiron na compra do Torques de Burela

proposta_sargadelosCervo, 22 de novembro de 2013- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ofreceu este venres unha rolda de prensa xunto a varios edís do equipo de goberno para facer unha proposta construtiva na procura dunha solución á situación de Sargadelos. Villares pídelle á Deputación que destine 3 millóns de euros para axudar a Sargadelos como ben cultural da provincia de Lugo. Unha contía que o Goberno Provincial tiña previsto investir na compra do Torques de Burela e da colección de Álvaro Gil e que finalmente non se gastou porque non chegaron a acordos coa familia.

Desta forma, o Concello solicita que “os 3 millóns de euros que non se destinaron á compra do Torques de Burela se poidan redirixir para axudar a Sargadelos” explica o primeiro edil. Villares engade que “eses cartos estaban previstos para un ben cultural como o Torques, e agora pódense redistribuír para axudar a outro ben cultural como é Sargadelos, de forma que os 3 millóns de euros terían un uso similar, contribuír coa cultura da provincia de Lugo”.

O mandatario cervense asegura que “coincidimos co presidente da Deputación cando hai uns días manifestaba nos medios de comunicación que Sargadelos é un ben de interese cultural que é necesario protexer”. Neste sentido Villares asegura que o importante agora é buscar solucións “posibles e reais” para Sargadelos, “e esta saída podería ser factible, xa que se os cartos estaban dispoñibles hai un mes, cando se negociaba coa familia o pagamento dos 3 millóns de euros, igual tamén o poderían estar agora”.

Por iso, o primeiro edil solicitou no día de hoxe unha entrevista urxente co presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, para trasladarlle persoalmente esta proposta e coñecer as súas impresións sobre a mesma.

O rexedor explica que o “ideal” sería que o Goberno Provincial entrase no capital da empresa con eses 3 millóns de euros. Unha boa fórmula que permitiría á Deputación e á provincia de Lugo “ter máis peso na xestión de Sargadelos e, desta maneira, defender que a raíz da factoría siga estando en Cervo” manifesta.

Unha medida, a de entrar no capital da empresa, que suxire o mandatario cervense pero que non é excluínte nin pecha as portas a outras posibles maneiras de aproveitar eses 3 millóns de euros. “O importante é defender Sargadelos como un ben cultural ao que están ligados moitos postos de traballos e moitas familias e, por suposto, que o proxecto cerámico que naceu nesta parroquia de Cervo siga aquí”.

Cabe destacar que o alcalde xa lle trasladou esta proposta ao comité de empresa na reunión mantida onte con eles.

Exit mobile version