Site icon Crónica3.com A Mariña

Ciencia Ribadense na Galiciencia

galicienciaTres alumnos do IES de Ribadeo (Elizabeth García Fong, Pablo Ramos Muras e Marcos Raúl García Fong) asistiron a semana pasada á Galiciencia acompañados do profesor Antonio Gregorio.

A súa viaxe non foi gratuíta, pois levaron consigo para expoñer dúas experiencias realizadas por eles. A primeira, unha comparación entre, por unha beira, as previsións de MeteoGalicia e Aemet e, por outra, os datos recollidos dos tres últimos meses da temperie ribadense na Granxa escola Pedro Murias. O estudo foi provocado pola nova da posible eliminación da axencia meteorolóxica galega no marco das reducións dos famosos ‘chiringuitos’. Os resultados indican que para Ribadeo non sería unha boa cousa a supresión de MeteoGalicia, pois en canto ás temperaturas previstas ou á chuvia, as previsións son mellores que as da axencia estatal. Por outra banda, o abuso por parte de MeteoGalicia nas súas previsións dos símbolos máis extremos para indicar se o día vai estar despexado ou non, fai que en canto a este dato sexa preferible a previsión de Aemet.

O segundo traballo, sobre a obtención de enerxía eléctrica dos vexetais, recibiu atención dos visitantes máis pequenos, atentos a ver como por exemplo unha asociación de patacas pode producir unha voltaxe superior á dunha pila normal. Este estudo, que compara a enerxía aproveitable por diversos vexetais, sós ou en combinación, tamén produxo gráficas diversas que relacionan o decaimento da produción enerxética co tempo, dependendo de diversos factores.

Ámbolosdous traballos, que foron ben recibidos na mostra científica, atópanse en fase de recollida de datos para completar e afianzar as conclusión que xa se atisban co estado actual dos estudos realizados.
A mostra ourensá, desenvolta no Parque Tecnolóxico de Galicia, foi visitada por unhas dúas mil persoas, ó longo de mércores, xoves e venres da semana pasada. Nela presentáronse media centea de traballos en diversas categorías, dende 1º ESO a 2º BAC, incluíndo a diversos expositores de fóra de Galicia.

Aínda que houbo premios, a mesma viaxe, estancia ou a visita ás termas, a máis da exposición do propio traballo e o poder ver o traballo da demáis xente presente, constituíron un alicerce ó que se sumou o agasallo que recibiron os participantes por parte de Tecnópole, un mp4 para cada un.

Os alumnos de Ribadeo, primeiro no IES Porta da Auga e agora no IES de Ribadeo, levan obtendo praza para asistir á Galiciencia dende o ano 2007, a segunda edición, sendo a presente a sétima edición na que están presentes.

Exit mobile version