Site icon Crónica3.com A Mariña

‘Coa violencia, cero paciencia’ é o lema gañador do II Concurso convocado polo Concello de Burela

Burela, 25 de novembro de 2013. O salón de plenos Concello acolleu esta tarde os actos institucionais para conmemorar o día internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres que estiveron presididos polo alcalde, José Mª González Barcia, e pola concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade, Diana Durán.

A avogada do CIM, Rocío Valle Varela, foi a encargada de achegar ás asistentes aos recursos locais de apoio á muller e contra a violencia de xénero. Segundo explicou Diana Durán “moitas veces coñécense recursos autonómicos e estatais e descoñécense os que preto de nós, os que nos abren as portas cando necesitamos axuda, que son os recursos da administración local. De aí que entendemos que é sumamente imporante promocionar unha vez máis o Centro de Información ás Mulleres e saber cal é o seu cometido e cómo nos pode axudar”.

A continuación tivo lugar a entrega dos premios aos gañadores do VII Concurso de Microrrelatos e do III Concurso de Lemas. Amara Chao Durán foi a gañadora do concurso de microrrelatos na 1ª categoría, é dicir, a de mozos e mozas de ata 18 anos e Lucía Díaz Pardiñas foi a gañadora na 2ª categoría, a de maiores de 18 anos. Os encargados de entregar os premios foron respectivamente o rexedor e Herminia Pernas, profesora do IES Monte Castelo. O lema gañador da edición deste 2013 foi Coa violencia, cero paciencia de Cristina Isabel García Pena. Neste caso o premio foille entregado por Mary Fraga, presidenta de Mulleres en Igualdade de Burela.

O alcalde, José Mª González Barcia, foi o encargado de dar lectura ao manifesto contra a violencia machista:

“Outro ano máis xuntámonos hoxe, 25 de Novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, para amosar a nosa máis sincera repulsa contra calquer xeito de sometimento da muller, tanto sexa psicolóxico como físico, tanto sexa na nosa vila como en calquera outro lugar do mundo.

Non debemos, non podemos e non queremos empregar como válida a fórmula de que a violencia é tan antiga coma o ser humano.
Non debemos, non podemos e non queremos aceptar que a violencia contra as mulleres é un problema privado, que non debe sair de entre as paredes do fogar familiar.

Non debemos, non podemos e non queremos conformarnos cunha sociedade patriarcal e machista que exerce a súa forza contra a muller en vez de buscar o equilibrio da igualdade e a complementariedade do home e da muller.

Por iso hoxe, día en que se fai unha especial lembranza deste problema, temos que reflexionar sobre as causas e as consecuencias destra gran lacra social, ante a que nos sentimos impotentes e ante a que non reaccionamos con suficiente contundencia porque seguimos a pensar que é un problema alleo a nós.

Pois NON, é unha problemática social e polo tanto de todas e todos e aínda que non sexa doado, cada pasiño que deamos contra a violencia de xénero, por moi insignificante que nos pareza, é un máis dos tantos que ata agora se foron dando e que permiten ás mulleres ter dereitos noutros tempos impensables, como pode ser o dereito ao voto, a ter unha conta de aforros ao seu nome…

Un ano máis, esta data recórdanos o que queda por facer: seguir traballando e aunar forzas, tanto nós como administración local como vós como cidadanía, para denunciar e combater dende todos os eidos posibles a violencia contra as mulleres, e como non, calquera outro tipo de violencia, sexa a que sexa e veña de onde veña.

Unha clara imaxe de que debemos de facer que todos os días do ano leven un anaco de 25 de Novembro é o dato que ven de publicar a Secretaria Xeral da Igualdade:

no primeiro semestre de 2013 en Galicia presentáronse 2.552 denuncias por malos tratos e, no que vai de ano, os xulgados galegos comunicaron un total de 884 medidas de protección, entre medidas cautelares, ordes de protección e ordes de alonxamento.

Os cambios e avances no tratamento legal da violencia de xénero, os recursos creados para atender as mulleres vítimas desta violencia, as campañas de sensibilización e os pasos que se deron para avanzar na consolidación dos dereitos das mulleres son necesarios para loitar contra este fenómeno. Temos que construír, no día a día e entre todas e todos, unha sociedade igualitaria onde o centro sexan as persoas, sen distinción de sexo.

Todas e todos podemos facer algo contra a violencia que sofren as mulleres. Por iso digamos ben alto, unha e mil veces, NINGUNHA MAÍS!”.

Ao remate do acto a concelleira de Igualdade e Muller agradeceu a todas as entidades que participaron nas distintas actividades organizadas para conmemorar este día e dixo que “mentras siga existindo un só caso de violencia de xénero non viviremos nin disfrutaremos dunha sociedade que poida vivir libre e en igualdade. Recordemos, pois, o lema gañador deste ano Coa violencia, cero paciencia, para que ningunha muller máis sexa vítima desta lacra”.

Exit mobile version