Site icon Crónica3.com A Mariña

Cunha concentración e a lectura dun manifesto conmemorouse en Barreiros o Día Internacional da eliminación da violencia contra as mulleres

Barreiros, 25 de novembro de 2013. A praza do Concello acolleu este mediodía unha concentración e a lectura dun manifesto no día internacional de eliminación da violencia contra as mulleres. Ademais gardouse un minuto de silencio por todas as mulleres que faleceron vítimas deste lacra ao longo deste ano.

Dende a Área de Igualdade e Servizos Sociais do Concello de Barreiros, animan a toda a cidadanía e ás institucións a unirse a este manifesto e plantexar xuntos un rexeite unánime e contundente á violencia de xénero.

O manifesto:
“Todos e todas debemos plantarlle cara á violencia que empobrece a nosa sociedade. Os malos tratos non son un tema privado, é un problema social que se combate con tolerancia cero.

A violencia de xénero constitúe unha lacra. Un atentado contra os dereitos humanos e a dignidade das persoas, que impide á nosa sociedade continuar avanzando pola senda do benestar e o progreso social.

Como cada día, como cada semana, como cada mes, como cada ano…como sempre, neste mesmo momento millóns de mulleres están sendo maltratadas física ou psicoloxicamente por outros tantos homes, en todo o planeta. E iso ocorre para vergoña de todos.

Debemos propoñer e fomentar modelos alternativos de convivencia baseados no respecto e a igualdade, asumindo compromisos:
– Considerarei que as persoas, homes e mulleres, somos iguais en dereitos, en capacidade de decisión, en oportunidades para elixir.
– Rexeitarei tódalas accións, comentarios ou chistes que trivialicen a discriminación da muller e que denigren a imaxe da muller.
– Analizarei criticamente os discursos sexistas e/ou violentos difundidos polos medios de comunicación.
– Promoverei unha educación igualitaria, no meu entorno máis próximo, apostando por xoguetes e xogos que acheguen e enriquezan a nenos e nenas e non perpetúen os roles discriminatorios.
– Serei libre de decidir a miña vida sen que ser home ou muller me impida elixir o que desexo, promovendo a eliminación de estereotipos.
– Resolverei os conflitos de forma non violenta.
– Participarei socialmente para erradicar estruturas sociais e mentalidades que perpetúen unha discriminación das mulleres na sociedade, traballando activamente pola igualdade.
Dende o Concello de Barreiros, asumimos o compromiso persoal de loitar contra todo tipo de violencia, denunciando as agresións, apoiando ás vítimas, non permanecendo en silencio ante a violencia e transmitindo ás xeracións futuras o respecto pola igualdade de mulleres e homes. Defendemos a idea dunha sociedade xusta e igualitaria, na que homes e mulleres poidamos participar equilibradamente en tódolos ámbitos e tomar conxuntamente decisións que nos afecten.
Desexamos que no futuro non haxa ningún motivo para conmemorar o día 25 de novembro como o Día Internacional de Eliminación de Violencia contra as Mulleres.
Que o teu silencio non te faga cómplice”.

Exit mobile version