Site icon Crónica3.com A Mariña

‘El Cairo 678’ pecha o V Video-forum Mulleres no Mundo

Remata a quinta edición do Video-forum Mulleres no Mundo coa proxección da película exipcia El Cairo 678, de Mohamed Diab. Cinco anos nos que cada outono o Observatorio, en colaboración coa UNED e con Radiofoz, achega á cidadanía mariñá e galega a realidade vital de mulleres moi diversas pertencentes a ámbitos sociais e culturais moitas veces afastados e distantes. Máis de vinte películas proxectadas de diversas partes do mundo (Israel, Afganistán, Irán, Francia, India, Líbano, Serbia, Senegal, Ecuador, EE.UU, Arxentina, Perú, Bosnia Herzegobina, Canadá…) que deron lugar a interesantes debates e que, sobre todo, permitiron coñecer o traballo de importantes directoras de cinema, moitas veces descoñecidas, e a realidade de mulleres moi diversas.

Cunha media de asistencia de 30 persoas por película, este V Video-forum Mulleres no Mundo resultou ser o máis europeo de todos, xa que das catro películas proxectadas tres eran europeas. Asimesmo, a metade delas estaban dirixidas por mulleres para cumprir así un dos obxectivos do Observatorio, o de mostrar e visibilizar o traballo das directoras de cinema. E ao igual que nas últimas edicións, por mor da boa acollida e co obxectivo de crear un ambiente máis agradábel e propicio para o debate e o intercambio de ideas a partir do visionado dos filmes escollidos, o formato foi o do café-debate, repartindo o Observatorio gratuitamente cafés e pastas ás persoas asistentes que o quixeran, para axudar a crear un clima distendido no debate posterior ás proxeccións.

El Cairo 678, de Mohamed Diab, será a película que este xoves 28 de novembro, ás 19.00h, peche o V Video-forum Mulleres no Mundo. Baseada en feitos reais, narra a historia de tres mulleres exipcias que tras sufrir acoso sexual, chegan á conclusión de que teñen que defenderse polos seus propios medios, xa que non poden contar coa protección das autoridades. Isto as levará a tomar algunha medida que espertará, ao mesmo tempo, admiración e recelo en todo o País.

Recordamos que todas as sesións do V Video-forum Mulleres no Mundo están guiadas por socias do Observatorio. A metodoloxía a seguir consiste en realizar unha breve presentación e contextualización do filme, para a continuación realizar o visionado da película que corresponda a cada día. A continuación, realizarase un debate e reflexión posterior sobre diferentes aspectos abordados en cada filme, seguindo sempre unha metodoloxía participativa e aberta na que a monitora é a condutora das reflexións do grupo.

O principal obxectivo que persegue o Observatorio da Mariña pola Igualdade con esta iniciativa é a de darlle a coñecer á cidadanía galega, homes e mulleres, as realidades vitais de mulleres moi diversas. Deste xeito, pretendemos destacar, por un lado, que a discriminación de xénero é unha cuestión universal que afecta a todas as mulleres do mundo, aínda que adquire unhas materialización diferentes en función das continxencias que definen cada sociedade e cultura. E polo outro, que non hai un único xeito de “ser muller” nin unha esencia feminina, senón que a pluralidade de experiencias vitais e de desexos das mulleres obríganos a ter sempre en conta a enorme diversidade de mulleres. Alén deste obxectivo principal, desde o Observatorio preténdese tamén contribuír a pór en valor as contribucións das mulleres aos distintos eidos do saber, destacando neste caso o traballo das directoras de cinema.

Exit mobile version