Site icon Crónica3.com A Mariña

O equipo de goberno do Concello de Ribadeo non quere confrontación con ningún colectivo de traballadores

Ribadeo, 22 de novembro de 2013. O alcalde, Fernando Suárez, referiuse este venres a unha sentencia que se coñecía nas últimas horas e que sinala que a Policía Local terá que seguir abrindo e pechando o cemiterio, o albergue de peregrinos e o ascensor panorámico. O rexedor dixo que o equipo de goberno non busca a confrontación con ningún colectivo de traballadores do Concello e que hoxe en día Ribadeo é un exemplo para moitos outros Concellos.

Suárez Barcia dixo que “en relación con esta sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que se coñeceu estes días, referida a que algúns policías municipais intentaban impugnar este acordo do pleno no que hai uns meses cambiamos a relación de postos de traballo para incorporarlles a todos os traballadores, e tamén á Policía Local, que todos aparte de facer as súas funcións habituais tiñan que facer calquera outra propia do seu cargo e categoría. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dálle a razón ao Concello no seu procedemento, na súa forma e no seu fondo”.

O rexedor declarou que “tanto eu, como alcalde, como os meus compañeiros e compañeiras de goberno municipal para nada buscamos ningún tipo de confrontación con ningún colectivo de traballadores do Concello de Ribadeo: nin coa Policía Local nin con ningún outro. O único que formulamos é que a situación, como todo o mundo sabe, é cada vez máis complicada. A cidadanía demándanos que sigamos prestando o maior número de servizos posibles, pero o certo é que cada vez temos menos persoal para podelos levar adiante. E é lóxico e lexítimo que nosoutros pretendamos que o persoal que nos queda intente facer o mesmo traballo, sen meternos con ninguén, sen que serva de agravio nin minusvaloración con respecto a ningún traballador municipal”.

Para Fernando Suárez “que lle mandemos á Policía Municipal abrir e pechar o ascensor panorámico ou abrir e pechar o cemiterio cando o funcionario que ten que estar alí ao cargo non está por baixa ou polo que sexa non é ningunha ofensa contra eses traballadores nin moito menos; simplemente se trata de cumprir unhas funcións que é perfectamente lexítimo que lles mandemos cumprir e nada máis”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “en definitiva, máis aló de se lles podemos caer ben ou mal a algúns traballadores do Concello non é a nosa aspiración ser ou deixar de ser amigos de alguén; só queremos cumprir co noso traballo co maior dos respectos ás persoas e aos colectivos de traballadores do Concello. Sei que hai un tempo se verteron ríos de tinta acerca do horario a cumprir no Concello de Ribadeo, pero hoxe en día todo o mundo cumpre o seu horario e non pasa absolutamente nada; é máis, penso que somos un exemplo para moitos concellos. A min gústame defender o público: a sanidade, a educación e a actividade pública, pero igual que a defendemos tamén témoslles que pedir aos traballadores que fagan o propio para que logo a cidadanía non os denigre ou non diga o contrario do que moitas veces se está a defender”.

Exit mobile version