En base a esta coxuntura, FRUGA celebrou unha xornada de traballo en Lugo o pasado día 1 de outubro, onde se extraíron as seguintes conclusións:
En primeiro lugar, FRUGA considera que a Xunta de Galiza debe asumir a súa responsabilidade e non tratar de trasladarlle a carga aos TECORES. A administración pública é a que ten a capacidade técnica e económica para encarar e darlle solución ao problema da fauna salvaxe, e non, tal e como pretende, que sexan os TECORES os que teñan toda a responsabilidade dos danos que esta fauna ocasione a terceiros. O Goberno Galego, con esta actitude, o único que pretende é fuxir do seu deber e enfrontar a uns veciños con outros. Os cazadores non son o problema, senón parte da solución.
Debemos incidir tamén en que o incremento dos danos da fauna salvaxe sobre os cultivos é consecuencia do abandono e desestruturación do medio rural galego, froito das políticas erradas que o Goberno do PP está a desenvolver na Xunta de Galiza.
O desenvolvemento das nosas alternativas sustentaranse nos seguintes eixos:
-Asunción por parte da Xunta de Galiza da súa responsabilidade e competencia no tratamento da problemática asociada aos danos causados pola fauna salvaxe.
-Elaboración dun informe da situación actual, comezando por elaborar un estudo rigoroso onde se analice o censo e distribución das poboacións de fauna salvaxe máis problemática e os seus danos. A partir de aí estudaranse diferentes métodos alternativos de control das poboacións. O equilibrio ecolóxico está roto, é preciso urxentemente un control efectivo da poboación de xabarín en Galiza.
-Habilitar de xeito urxente un fondo de danos de compensación que cubra os danos ocasionados pola fauna salvaxe, incluíndo as perdas de colleitas e animais.
-Establecer unha serie de medidas de apoio á actividade agraria e de desenvolvemento rural que axuden a ordenar o territorio.
Por outra banda, acordouse iniciar unha campaña informativa de xuntanzas nas principais comarcas afectadas e de recollida de sinaturas nas feiras máis importantes, e que xa comezou en outubro, para debatir entre os veciños sobre as solucións que se poden dar e sobre quen ten a responsabilidade sobre esta problemática.