Site icon Crónica3.com A Mariña

Fuente Parga acusa a PSOE e BNG de darlles as costas aos parados de Barreiros

Barreiros, 22 de novembro de 2013. O Concello acolleu este xoves a celebración dun pleno extraordinario para pedir que os parados barreirenses poideran acceder ao plan de emprego da Deputación. O alcalde, Alfonso Fuente Parga, critica que PSOE e BNG votasen en contra da proposta dos populares, “actitude coa que lle dan as costas aos parados de Barreiros”. O rexedor convidou ao vicepresidente da Deputación e concelleiro nacionalista, Antonio Veiga, a votar a favor da modificación dese plan no pleno da institución provincial “porque hai que predicar co exemplo”.

O rexedor explicou que “este pleno só levaba na orde do día un punto que era unha proposta para modificar as bases do plan de emprego da Deputación e así dar posibilidade a que todos os Concellos da provincia optasen a pedir esas axudas para poder contratar aos desempregados que teñen”. Fuente Parga lembrou que “o plan que nos presentaban só afectaba a 12 Concellos, dos que 11 están gobernados por socialistas e nacionalistas e só un polo PP. Nos parece que son unhas bases feitas á medida para ir excluíndo a aqueles Concellos que son gobernados polo PP”.

O alcalde barreirense contou que “moitos desempregados de Barreiros achegáronse ata o Concello cando o viron publicado na prensa, querían saber si o noso Concello solicitaría ese plan de emprego e eu contesteilles que si, ao igual que fixemos noutras ocasións ao adherirnos a todos os plans que poidan beneficiar a toda a xente que está no paro a día de hoxe. Cal é a nosa sorpresa que cando se publican as bases vemos que o Concello de Barreiros queda excluído”.

Alfonso Fuente Parga indicou que “onte se nos dixo no pleno que a Deputación traballa en moitos plans de emprego, algo que a nós nos parece ben, nós non estamos contra ningún plan de emprego sempre e cando lle dera a posibilidade a todos os parados da provincia e non só a uns poucos, como ocorre neste caso. Eu plantexeilles tanto ao PSOE coma ao BNG que votasen a favor da nosa proposta, si eles como concelleiros de Barreiros queren un plan de emprego que dea a posibilidade de solicitalo, que votaran a favor para facerlle chegar o noso descontento ao presidente da Deputación Provincial. Eles votaron en contra e polo tanto están dando as costas aos veciños e ás veciñas de Barreiros que están parados”.

O rexedor seguiu a relatar que “si, como tamén eu lles comentaba, o resultado da votación deste pleno é posible que acabe nunha papeleira na Deputación, eu pedíalle ao vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, que é concelleiro aquí, a que cando o PP presente a moción na institución provincial el vote co PP, vote a favor de modificar ese plan de emprego para que poida incluír ao Concello de Barreiros. Xa me deu a entender que fará disciplina de partido, votará co BNG e co seu socio de goberno na Deputación, co PSOE, e deixará a Barreiros sen plan de emprego. Entón os parados deste concello non se poderán beneficiar de dito plan e despois cánsanse de dicir, e éncheselles a boca, que o alcalde de Barreiros e outros bailan ao son que marca o PP. Primeiro o que teñen que facer é predicar co exemplo, votando e apoiando ao PP nese pleno da Deputación para que ese plan non saia adiante con esas bases e que así o Concello de Barreiros poida entrar. Iso é defender os intereses dos veciños e das veciñas deste concello. Despois o BNG falará de moitas outras cousas, incluso dos parados a nivel nacional. Sabemos como deixou o país Felipe González, tivo que ir o PP arranxalo, sabemos como o deixou Zapatero e están traballando nese asunto”.

Fuente Parga engadiu que “é unha pena e nós estabamos dispostos a que nos deran a posibilidade de entrar nese plan de emprego, e despois de establecer os criterios correspondentes haberá Concellos aos que lles toquen cinco, once, dous ou un… esa é a diferenza. A Xunta cando saca un plan de emprego dálle a posibilidade a todos os Concellos de solicitalo, despois a uns tócalles máis e outros menos, pero todos teñen a posibilidade de presentalo e neste caso a Deputación xa exclúe aos Concellos, xa nin lles da a posibilidade de solicitalo. O pleno facíase extraordinario para que só se falase deste asunto, para que os membros da oposición non se diluísen noutros temas, para falar dos parados de Barreiros”. Ao alcalde parecíalle “un bo plan, quince meses de contratación e tal e como vimos na prensa estaba moi ben retribuído e como se soe dicir o gozo nun pozo. Preparáronse as bases para que só entrasen algúns Concellos e despois seguen insistindo en que os que son sectaristas son os do PP. O exemplo está claro e os que son sectaristas tamén”.

O rexedor manifestou que “un exemplo máis témolo de novo en Barreiros, tróuxose o Barco Muralla ao colexio de San Miguel de Reinante, o cal lle agradecemos á Deputación de Lugo, pero tivo que ser o Concello o que costease o autocar aos nenos de San Cosme para que poidan ir ver esa exposición, porque senón eses cativos quedarían sen esa posibilidade. Si fan ese acto e non o celebran nos dous colexios, haberá que pagar os traslados correspondentes. E resulta que tivo que ser o Concello o que pagase ese autocar, esa é a forma de gobernar que ten a Deputación Provincial de Lugo”.

Exit mobile version