Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia anuncia que Burela recupera o alumeado de Nadal financiado polo Concello

Burela, 27 de novembro de 2013. O alcalde de Burela, o popular José María González Barcia, anunciou hoxe que Burela recuperará este ano o alumeado de Nadal, aínda que aclarou que “non será o que nos gustaría, nin tampouco será o que lle gustaría ó comercio e ós cidadáns, pero será un alumeado digno e acorde cos momentos económicos que estamos a vivir, que non permiten moitas alegrías, e que axudará a mover o comercio e a activar o consumo”.

Barcia recoñeceu que “así cumprimos cunha petición da Asociación de Comerciantes, e de boa parte da poboación. De feito, será a propia ACIA a que decida os puntos nos que se sitúen os arcos que se coloquen”. O rexedor subliñou que “a actuación está promovida pola ACIA local, que xa o ano pasado se encargou de poñer a árbore dos desexos. Neste 2013 dirixíronse ao equipo de goberno e o que imos facer é cumprir co que eles nos pediron, na medida das nosas posibilidades”.

González Barcia manifestou que “o alumeado de Nadal será financiado integramente polo Concello e asumiremos o consumo enerxético derivado do mesmo. Deste xeito, o Concello de Burela será dos poucos da provincia que non grave ós comerciantes coa totalidade ou con parte do custe do alumeado: en Concellos con máis cartos ca Burela reparten o custe entre o propio Concello e os comerciantes, ou pagan todo os comerciantes. En Burela entendemos que a situación actual non lle permite ós comerciantes soportar un gasto coma este”.

O alcalde dixo “somos conscientes que o alumeado de Nadal dálle vida a Burela xa que move xente e polo tanto move o comercio; e de isto pode e debe favorecerse o comercio local, co que tamén nos favorecemos todos. Se podemos axudar a manter postos de traballo e negocios abertos, xa nos damos por contentos”.
José María González Barcia recoñeceu que “retirar o alumeado de Nadal estes dous anos anteriores foi unha decisión dura que nos xerou algunhas críticas, en certos casos creo que inxustas, pero que non había máis remedio que tomar. Aínda que tamén houbo moita xente que o entendeu como algo irremediable tendo en conta a situación na que atopamos o Concello”. Con todo, quixo destacar que “recuperar o alumeado nesas datas será posible polo rigor no gasto que tivemos durante todo este ano”.

E finalmente, o rexedor destacou o traballo feito nesta materia polo concelleiro de Comercio e Facenda, José Casas Martínez, e o espírito colaborador e a receptividade da Asociación de Comerciantes. O alumeado de Nadal acenderase o fin de semana anterior ó día de Noiteboa.

Exit mobile version