Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia cualifica de “decisiva” a aposta de Portos de Galicia por aumentar a seguridade da dársena do porto burelés

Burela, 22 de novembro de 2013. O alcalde, José María González Barcia, cualificou este venres de “decisiva” a firme aposta que Portos de Galicia está a facer para aumentar a seguridade da dársena do porto burelés, “o que demostra unha vez máis, o compromiso da Xunta con Burela, neste caso, e unha vez máis, resaltado pola receptividade e sensibilidade de Portos de Galicia”.

O rexedor referíase así á reunión mantida onte, mércores, na confraría de pescadores de Burela entre Portos de Galicia, o sector pesqueiro burelés e o Concello, e na que técnicos de Portos de Galicia explicaron as dúas novas alternativas derivadas da ampliación do estudio feito para mellorar a seguridade interior do porto burelés. Como se sabe, hai uns meses, Portos de Galicia plantexou cinco alternativas que non convenceron ó sector, de aí que se ampliase o estudio e que trouxesen consigo estas dúas novas alternativas.

O alcalde burelés manifestou que “unha das alternativas contempla a construción dun martelo de cincuenta metros de largo que sairía en diagonal desde a esquina exterior da superficie onde se ubica ABSA, en dirección ó actual martelo que separa a zona comercial da pesqueira. A segunda alternativa compaxina a anterior coa ampliación do actual martelo en vinte metros”.

Según explicou González Barcia, “a redución do impacto das ondas tanto en forza coma en horas por ano redúcese considerablemente con respecto á situación actual e tamén con respecto ás outras alternativas coa que combina martelo en diagonal con prolongación do actual en vinte metros. Alternativa que concitou o consenso de todos os presentes”.

Neste sentido, o alcalde burelés sinalou que “hai que destacar e significar o traballo conxunto que facemos Portos de Galicia, sector pesqueiro e Concello, e que como se ve da os seus froitos. E tamén é salientable o consenso existente entre a autoridade portuaria galega e o sector pesqueiro tanto neste coma noutros temas, pero creo que especialmente neste asunto dado que a seguridade dos barcos en caso de mal tempo é prioritaria para o sector”.

Por iso, segundo Barcia, “visto o consenso existente, que non tardou en concretarse, Portos manifestou a súa intención de redactar o proxecto construtivo desta alternativa, o que sen dúbida é máis ca unha boa noticia: é un paso adiante moi significativo, xa que pasaremos dos estudios á concreción da solución, para posteriormente seguir dando os pasos que marca a lei”.

O alcalde engadiu que “comeza a darse resposta a unha demanda do sector, que, como acontece con outras moitas, sempre foi apoiada polo actual equipo de goberno e polo partido que o sustenta. De feito, nós estamos, e estaremos, sempre actuando como forza motriz para impulsar aquelas propostas que beneficien ó sector e que contribúan a mellorar as instalación portuarias. E neste caso desde a Alcaldía e desde o equipo de goberno xa nos poñemos a traballar para axilizar todo o posible que se faga realidade esta demanda do sector, demanda asumida por Portos de Galicia como compromiso propio”.

Exit mobile version