Site icon Crónica3.com A Mariña

González Barcia subliñou que “Burela esíxelle a Besteiro un trato equitativo co papel que o Concello ten dentro da provincia”

Burela, 21 de novembro de 2013. O alcalde de Burela, José María González Barcia, compareceu este xoves en rolda de prensa, logo do pleno extraordinario celebrado pola Corporación burelesa e no que se aprobou pedir que o Concello e os parados de Burela poidan acceder ó Plano de Emprego da Deputación, acompañado de todo o seu equipo de goberno, para “deixar claro que Burela quere participar no Plan de Emprego da Deputación e que Burela esíxelle a Gómez Besteiro un trato equitativo co que Burela é, e co papel que Burela tén dentro da provincia. Non queremos nin máis nin menos, só o que nos corresponde”.

O rexedor afirmou que “o Concello de Burela, o concello de todos os veciños e veciñas de Burela, non recibe no presente ano, nin o dous por cento do que aporta á Deputación. Recibe exactamente o 1’64% do que aporta”.

González Barcia a continuación explicou con todo detalle os datos: “a Deputación de Lugo recibe da Administración Xeral do Estado, é dicir, de todos os cidadáns da provincia, a cantidade de 62.677.740 de euros. O que supón unha media de 179’64 euros por cada un dos 348.902 cidadáns da provincia segundo o padrón de 2012. Polo tanto, Burela, cos seus 9.631 habitantes en 2012, aportaría un total de 1.730.112’84 euros”. O alcalde burelés engadiu que “si a eso lle sumanos os impostos directos e indirectos, dos que a Deputación presupostou para este ano uns ingresos de 8.967.314 euros, a aportación media por habitante ascendería a 205’24 euros. Así, Burela aportaría un adicional de 247.531 euros, ou sexa, un total de 1.977.644 euros, preto de dous millóns de euros”.

José Mª González Barcia dixo que “postos no peor dos casos, e tomando só como referencia a partida de transferencias de capital, que conta cun total de 5.718.460 euros, Burela tería que recibir en función dos seus habitantes un total de 157.850 euros. Se falamos de investimentos reais máis transferencias de capital, o total que tería que recibir Burela ascende a 694.874 euros. Nos dous casos o que realmente percibimos é infinitamente menor ó que realmente nos tocaría a percibir”.

O alcalde insistiu en que “o Concello de Burela só ten recibido no presente ano un total de 32.500 euros, moi lonxe en todo caso das contías que están recibindo Concellos con alcaldes socialistas ou nacionalistas. E esto significa unha burla manifesta xa non ó Concello en si mesmo, senón ós veciños e veciñas da vila de Burela”.

No referente ó Plano de Emprego da Deputación, o rexedor burelés cualificouno de “sectario e excluinte, porque a ninguén lle cabe na cabeza que se teña en conta a superficie forestal ou o estar ou non na Rede Natura para poder acceder a este Plan completamente surrealista e que o único que pretende é afianzar ó PSOE nos Concellos nos que goberna na zona da montaña luguesa. En cambio, quedamos excluídos concellos con ratios de desemprego máis elevados que os que se van ver beneficiados”.

González Barcia afirmou que “o plano de Gómez Besteiro é caciquil, porque o dicta el, prescindindo de moitos Concellos da provincia; e é clientelar porque busca garantir o deputado provincial da montaña”.

Finalmente, o alcalde de Burela tildou de “irresponsable” o voto en contra dos concelleiros do PSOE e do Grupo Mixto: “o PSOE e o Grupo Mixto non queren que o Concello de Burela estea incluído no Plano de Emprego da Deputación, o PSOE e o Grupo Mixto non queren que os parados de Burela poidan acceder a un posto de traballo financiado pola Deputación. O PSOE demostra absoluta submisión ós dictados de Gómez Besteiro e nulo interese por defender os intereses dos parados de Burela”.

Exit mobile version