Os técnicos de Armón e Vibu explicáronlle ao alcalde o alcance dos traballos que se están a facer, consistentes basicamente en sanear as partes do casco que se atopan en estado deficiente, concretamente dúas tracas e un anaco de carel, e en acondicionar o casco do buque para que continúe prestando os seus servicios como barco-museo.
Á vista dos traballos que hai que realizar, o barco volverá ao seu punto de atraque no peirao burelés na vindeira semana, agás inconvenientes de última hora. Ao respecto, a concelleira do Mar, Patricia López Eijo, manifestou que “o estado xeral do barco é satisfactorio; de feito, estaba bastante peor hai dous anos dado que levaba catro anos sen subir ao carro. Tal e como adiantamos a semana pasada, as partes que se atopan en estado máis deficiente non representan un problema serio. De todos os xeitos, estamos sopesando a posibilidade de facer as revisións do casco máis a míudo”.
López Eijo indicou que “o barco seguirá prestando os seus servicios como o veu facendo ata o de agora, con visitas previa cita e guiadas. De feito, estamos planificando coa Concellería de Turismo unha campaña de difusión do barco museo entre os centros de ensino similar á que se fixo hai aproximadamente dez anos e que tan bos resultados tivo”.