Site icon Crónica3.com A Mariña

IMDECUM presenta o Festival Imaxiña 2013 apadriñado polo artista mariñán David Catá

Xoves 21 de novembro. A Fundación Impulso ao Deporte, Cultura e Turismo na Mariña presentou este mércores o Festival Audiovisual da Mariña Imaxiña 2013, na súa sede, en Burela. O presidente da entidade, Marcelino Luna Almarza, estivo acompañado polo mozo artista mariñán David Catá para dar a coñecer a terceira edición dunha iniciativa destinada á xuventude da comarca que persegue incidir nas inquedanzas culturais e creativas dos mariñáns máis novos.

Imaxiña, baixo a organización de Imdecum, combinará obradoiros de fotografía cun atractivo concurso final, dirixido aos centros de ensino secundario. Co apoio da Área de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, o festival Imaxiña suma en 2013 a participación dos IES María Sarmiento, de Viveiro, e Illa de Sarón, de Xove, para que poidan coñecer a maxia artística da Mariña co viveirense David Catá, internado nun proxecto persoal que abrangue a pintura, escultura, fotografía e videoperformance, así como os detalles da fotografía a través do persoal da Caixa Escura Producións.

O estudantado dos dous institutos poderán dar renda solta á súa creatividade e imaxinación a través do concurso final, en dúas categorías, fotografía e vídeo, ata o 27 de decembro; esta fase tamén estará aberta para os centros que participaron o ano pasado, Monte Castelo (Burela), Marqués de Sargadelos (San Cibrao), Vilar Ponte (Viveiro) e Gamallo Fierros (Ribadeo). Co comezo de 2014, a Fundación Imdecum fará público o nome dos gañadores, que recibirán unha cámara fotográfica como premio, na exposición dos traballos seleccionados.

Historia do festival
En 2011, o festival Imaxiña deu os seus primeiros pasos descubrindo o mundo do audiovisual no IES Monte Castelo, a través dun obradoiro creativo de vídeo ‘Fotografía en Movemento’, coa participación do pintor xovense Xoán Guerreiro, a comunicadora cervense Sabela Blanco e o profesor de Debuxo e Artes do Monte Castelo Pedro Cabarcos, ademais dunha charla sobre fotografía da reporteira gráfica de La Voz de Galicia Pepa Losada. Na segunda edición, os talleres, da man do fotógrafo focego Xulio Villarino e o persoal da Caixa Escura Producións, estendéronse aos IES Marqués de Sargadelos (San Cibrao), Vilar Ponte (Viveiro) e Gamallo Fierros (Ribadeo), cunha excelente resposta no concurso, con fermosas e orixinais visións da Mariña.

Gañadores 2013
O traballo fotográfico “Unha fiestra da Mariña”, da ribadense Elvira López (2º BAC), e o cervense Manuel Trigo Bello (4º ESO), polo vídeo ‘Raízes Galegas’, alzáronse cos premios Imaxiña 2012. Na primeira categoría, tamén quedaron finalistas as imaxes captadas por Óscar Cora, do Vilar Ponte de Viveiro (1º BAC), e Juan Manuel Sánchez e Lara Fernández, do Monte Castelo de Burela (2º BAC).

Exit mobile version