Site icon Crónica3.com A Mariña

Lembrando a Miro Casabella

Daniel Río (Caxigueiro).- Despois do frustrado nomeamento de Miro Casabella como fillo predilecto do Valadouro , só podo dicir que a noticia me deixou perplexo.

A estas alturas non me causa estrañeza que os membros do Partido Popular se abstiveran na coñecida votación, o que resulta máis insólito son os argumentos cos que xustificaron tal acordo.

A contorna da leira é pequena e tras das chantas, as olladas adoitan ser curtas e os intereses cativos.

Non me resulta doado poñerlle data ao intre no que tiven coñecemento da existencia de Miro, pero lembro perfectamente o lugar. Estaba en Mondoñedo agardando pola extracción dunha moa , hai moito. Os “practicantes” aínda non colgaban título universitario. Na mesa da sala, unha revista falaba da Nova Canço, de Voces Ceibes, etc. Nunha das imaxes, un galego de Ferreira do Valadouro aparecía como un dos representantes máis salientables. A verdade é que me sentín reconfortado e orgulloso de saber que outras músicas e a nosa lingua andaban a mudar os tempos.

Tamén lembro con agarimo unha acampada cuns amigos en Cervo. Foi todo un acontecemento escoitar no auditorio de “Sargadelos” o magnífico recital de Miro Casabella. Eran tempos nos que a censura aínda estaba presente e Isaac Díaz Pardo favorecía a chegada de olladas emerxentes.

Seguín a súa traxectoria, o primeiro LP , “Ti Galiza” , a entrada no grupo “Doa” e un longo etc,etc, que forma parte da historia da música , da nosa música.

Por todo isto e por darlle vida a “O meu país”, unha das máis fermosas cancións desta terra, só podo estarlle agradecido.

Non teño o menor interese en alimentar polémicas, pero hai silencios que doen. Probablemente, se Miro Casabella fora cantante da “Panorama” , nada disto tería acontecido…

Nestes tempos onde se vende fume e a cultura parece ser, outra vez, unha actividade molesta , non está de máis erguer a cabeza, o sol segue a chegar…só hai que querer velo.

Daniel Río (Caxigueiro)

Exit mobile version