Site icon Crónica3.com A Mariña

Máis de 100 nenos do Concello de Barreiros coñecerán a riqueza medioambiental da provincia co Barco Muralla da Deputación

O Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, Alfredo Llano, visitou este xoves o Barco Muralla que esta semana recalou en Barreiros para amosarlles ós 120 rapaces dos centros escolares desta localidade toda a riqueza natural da provincia. Hoxe foi a quenda dos rapaces do CEIP San Miguel de Reinante e mañá pasarán por esta instalación os alumnos do CEIP San Cosme.

Esta aula medioambiental percorre a xeografía lucense informando da biodiversidade da provincia. Durante os días de semana recibe a escolares con actividades adecuadas á súa idade e obradoiros de concienciación medioambiental. Preto de 2.000 rapaces de localidades de toda a provincia participaron, no que vai de curso escolar, nas actividades do Barco Muralla, que xa estivo en Samos,Triacastela, Antas de Ulla, Burela, Rábade, Vilalba, Ribadeo e Láncara. A vindeira semana trasladarase ata Becerreá e Castro de Rei onde o visitarán outros 500 rapaces dos centros escolares destas localidades.

A Deputación ofrece a posibilidade a todos os colexios da provincia de contar con esta iniciativa que desenvolve actividades programadas especificamente para alumnos dende infantil ata 6º de primaria. Na súa visita, os rapaces amplían os coñecementos recibidos nas aulas.

Durante as fins de semana, a iniciativa recala en localidades nas que se celebran festas e citas turísticas, aproveitando a afluencia de público para difundir a riqueza medioambiental lucense e colaborar cos Concellos ampliando a oferta lúdica. No que vai de ano, máis de 15.000 persoas pasaron por esta instalación que da a coñecer dous símbolos de Lugo: a Muralla romana e máis a Mariña, aínda descoñecida para moita xente do interior.

Exit mobile version