Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela considera “de suma importancia” o incremento da cota de captura da pescada

Burela, 20 de novembro de 2013. O alcalde de Burela, o popular José María González Barcia, considera “de suma importancia para o noso porto e para a nosa vila o incremento da cota de captura da pescada, que aumenta nun 26% e que permitirá aos barcos con base en Burela faenar no que queda de ano”.

O rexedor destacou que “este logro, que sen dúbida ten moita transcendencia e pode mesmo mellorarse, non sería posible sen o traballo conxunto, desde hai anos, das administracións con competencias en materia de pesca e do propio sector. Demostrouse que o sector tiña toda a razón do mundo cando afirmaba que o recurso estaba sobradamente garantido e que existía stock abundante que podían permitir o incremento de capturas anunciado. E demostrouse que a Xunta de Galicia actuou de forma eficaz, usando argumentos técnicos e políticos para conseguir este incremento”.

González Barcia engadiu que “polo tanto o noso recoñecemento á perseverancia e coherencia do sector, e tamén á firmeza e capacidade negociadora da Xunta de Galicia, representada na figura de Rosa Quintana, conselleira de Mar”.

O alcalde burelés reiterou unha vez máis “o compromiso do concello burelés, mentres o PP goberne, e o compromiso do partido no que milito, na defensa dos intereses do sector pesqueiro”. González Barcia foi claro: “non hai que esquecer que Burela é o que é en gran medida gracias ao mar, e que vivimos e viviremos de cara ao mar. De aí o noso compromiso e aí tamén a nosa valoración moi positiva ao incremento da cota da pescada”.

Exit mobile version