Cervo, 12 de novembro de 2013.- O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, valorou este martes as medidas anunciadas por Sargadelos para solucionar a situación da súa empresa, que inclúen o despedimento de 41 traballadores da planta cervense. O rexedor asegurou que “esta é unha noticia moi negativa para todos” e cualificou a decisión de “excesivamente drástica”.
Por iso, o mandatario cervense pídelle aos responsables da factoría que “reconsideren a súa postura e estuden medidas alternativas nas que se teña en conta o mellor que ten a empresa: un excelente capital humano, mulleres sobre todo, pero tamén homes, que levan dende a súa adolescencia traballando a cerámica de Sargadelos e dedicando a súa vida profesional a esta empresa”.
O primeiro edil destacou ademais “o esforzo solidario que fixeron os traballadores nos últimos tempos, non só cos seus compañeiros senón tamén coa propia empresa, e que estou seguro que seguirían facendo mentres fixese falta se a empresa llelo propón”. Deste xeito “renunciar ao mellor que ten a fábrica, as mulleres e os homes que traballan nela, é o peor dos camiños posibles”.
Ao mesmo tempo, o rexedor pídelle aos responsables da empresa que “valoren a planta de Cervo, situada na parroquia de Sargadelos, que lle dá o nome á fábrica, e tamén sona e prestixio por todo o mundo”.
O rexedor tamén quixo reiterar que seguirá mantendo contactos tanto cos traballadores como coa empresa “para que entre todos podamos atopar a mellor solución social aos problemas que atravesa Sargadelos”, remata Villares.