Nesta xuntanza o rexedor quixo coñecer a postura da ANPA sobre esta proposta. Villares lembra que hai máis dun mes a asociación xa lle propuxera ao Concello a posta en marcha dun servizo de transporte ao mediodía financiado con fondos municipais. Agora este novo encontro tiña o obxectivo de concretar os detalles da medida.
O mandatario cervense trasladou aos asistentes o seu desexo de que esta iniciativa se desenvolva da mellor maneira posible. Por iso, durante a reunión explicou que para poder planificar o servizo é necesario coñecer o número de usuarios e así estudar todos os casos e as súas necesidades, deseñar as liñas, os horarios e coñecer os custos. Unha información importante xa que o rexedor pretende que os alumnos pasen o menor tempo posible nos desprazamentos. Deste xeito, será a ANPA a que realice unha consulta a todos os pais e nais sobre o seu interese en utilizar o servizo.
Ao mesmo tempo, Villares asegura que a súa intención é “axudar de forma prioritaria ás familias de Cervo. Pero incluso estamos dispostos a estudar que esta axuda se dirixa tamén a familias de fóra do concello, porque o importante é contribuír co servizo educativo que ofrece o colexio de Cervo”. O rexedor remata dicindo que esta é unha axuda “coa que pretendemos cubrir unha necesidade de moitas familias e que traballaremos para tentar poñer en marcha canto antes”.