Site icon Crónica3.com A Mariña

O auditorio Hernán Naval de Ribadeo acollerá a representación da obra teatral co premio Lope de Vega 2007

TEATRO DO ATLÁNTICO presenta A CHARCA INÚTIL, de David Desola, premio Lope de Vega 2007,con María Barcala, Marcos Vieitez e Gonzalo Iriarte no escenario e baixo a dirección de Xulio Lago o domingo 1 de decembro ás 20.30 horas no auditorio Hernán Naval. O prezo das entradas é de 4 e 2 euros (as reducidas).

“Asegura o autor, facendo uso do sentido do humor, que nos atopamos diante dun “drama ao cadrado”; esa curiosa definición podería levarnos a imaxinar un “culebrón”, ou un “melodramón”, ou un espectáculo “tremendo”. Pois non vai ser iso. Atopámonos diante dunha proposta moi especial: fermosa, chea de tenrura e humor, ao tempo que dura e profunda; unha escrita plena de sensibilidade que, como espectadores, levaranos a transitar camiños absolutamente imprevisíbeis. Desola ofrécenos un texto de moi alta calidade dentro dunha orixinal estrutura dramática e, xunto con iso, sitúanos nunha inquietante e conmovedora paisaxe humana. Personaxes adultos, fráxiles cal cativos, golpeados polas circunstancias que a vida lles impuxo, andan á procura dun burato que lles permita crer que existe a luz ao remate do túnel.

A dureza da perda é abordada polos personaxes de Desola desde a creación de mundos paralelos, nunha fuxida cara adiante á procura desesperada dun espazo de felicidade que lles permita seguir avanzando, que lles permita intuír un novo horizonte para as súas castigadas realidades. Talvez un espellismo?. Se cadra. Ou non. Paga a pena intentalo.

Ao remate do espectáculo os espectadores tamén han crer que, malia todo, podemos ser felices.”

Exit mobile version