Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG apoia as mobilizacións convocadas polas traballadoras e traballadores de Sargadelos

Cervo, 22 de novembro de 2013. O BNG de Cervo volveu cuestionar a actitude da dirección de Cerámicas de Sargadelos e o Castro, mais preocupados polas loitas de poder que en garantir a viabilidade do proxecto cultural e cerámico de Sargadelos. Neste sentido pregúntanse si a xerencia de Sargadelos ademais de asfixiar e aplicar expedientes de despedimento ao cadro de persoal, fixo algo para cumprir os sucesivos planos de viabilidade que acompañaron os EREs encadeados presentados dende 2009, que os obrigaba a mellorar a comercialización e a apertura de novos mercados?

O BNG APOIARÁ AS MOBILIZACIÓN CONVOCADAS POR TRABALLADORAS E TRABALLADORES DAS PRÓXIMAS SEMANAS.
Os nacionalistas anunciaron que apoiarán todas as mobilizacións convocadas na perspectiva de manter o cadro de persoal de Sargadelos e garantir a continuidade da empresa. Para o BNG o cadro de persoal de Sargadelos é un dos maiores valores do proxecto empresarial xunto coa singularidade cultural dun proxecto que, ao marxe da súa faceta empresarial, ten un forte contido cultural coa posta en valor de do patrimonio cultural galego.

Nesta liña critican que a dirección da empresa, ademais de incumprir a súa parte dos sucesivos planos de viabilidade presentados nos últimos anos que os obrigaba a mellorar a comercialización e abrir novos mercados, carguen outra vez sobre o cadro de persoal os sacrificios e os esforzos que eles non foron quen de facer.

LEVAN AO PARLAMENTO GALEGO SEIS INICIATIVAS ACORDADAS COA REPRESENTACIÓN SINDICAL DA EMPRESA
Os nacionalistas presentaron o pasado mércores seis iniciativas, en liña coa acordado na reunión mantida coa representación sindical da empresa, á que lle preocupa ademais da continuidade do emprego e da empresa que consideran viábel de existir unha boa xestión, tamén o cumprimento por parte da dirección dos acordos derivados da inxección dun millón de euros públicos en 2010, condicionados ao mantemento dos postos de traballo e outras condicións incluídas xa nos seus planos de viabilidade que a todas luces a empresa non cumpriu.

A CONSELLARÍA DE ECONOMÍA E A DE EMPREGO TEÑEN COMPETENCIAS E FERRAMENTAS PARA VELAR POLO MANTEMENTO DESTE PROXECTO EMPRESARIAL E GARANTIR OS POSTOS DE TRABALLO.
Aos nacionalistas preocúpalles que a Xunta de Galiza, por medio da Consellaría de Economía e a de Emprego, podan desentenderse da problemática de Sargadelos, lembran que este proxecto empresarial é moito mais que unha fábrica de cerámica polo que piden “desenvolver cantas xestións sexan necesarias para garantir o mantemento dos postos de traballo e a continuidade da empresa, da súa imaxe e da calidade da marca” así como “facer valer as axudas públicas concedidas á empresa para garantir a continuidade da mesma e o mantemento dos postos de traballo”

Sinalan que tanto a Consellaría de Economía como a de Emprego son as que teñen competencias e obriga de velar por este proxecto singular, sen desbotar a implicación da Consellaría de Cultura e advírtenlle aos dirixentes do PP de Cervo “que non busque botar balóns fora”, “pedir ás administracións competentes que se impliquen e demandar luz e taquígrafos no destino de axudas públicas é lóxico e responsábel”.

Exit mobile version