Os nacionalistas advirten que “esta discriminación das parroquias do interior, outra discriminación máis que se xunta á falla de servizos e de atencións por parte do goberno municipal, vén dada porque o solo onde se pode edificar se concentra nas parroquias costeiras e, concretamente, nas zonas onde xa se ten construído para amparar as grandes promocións.” Desde o BNG consideran que “esta ordenación urbanística non é casual, nen moito menos, senón que responde a unha estratexia que o Partido Popular ten para este País e que aplica alí onde ten ocasión: o desmantelamento do rural en todos os ámbitos, a redución deste a unha especie de paraxe natural no que non se garanten as condicións para vivir, fomentando o seu despoboamento. Ademais, no caso de Barreiros, compleméntase perfectamente coa intención de dar saída á desproporcionada oferta de vivenda que se acumula nas promocións construídas durante os anos da
burbulla inmobiliaria”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida.
Nestas tres semanas que os nacionalistas levan realizando diversos actos coas veciñas e veciños, puideron constatar “o malestar que causa que, unha vez máis, o goberno municipal do Partido Popular non só se esqueza do interior do concello; senón que o utilice ao seu antollo para cumprir os caprichos dos grandes promotores que camparon, e parece que seguen a campar, ás súas anchas por Barreiros.”
Desde o BNG barreirense anuncian que seguirán informando á poboación e xa anticipan que o seu grupo municipal presentará as alegacións pertinentes no seu momento para que “non se consolide a inxustiza de sacarlle ás veciñas e veciños que sosteñen o concello e que residen nel durante todo o ano para amañar as desfeitas que fixeron os de fóra.” Neste sentido, os nacionalistas realizarán novamente actos en todas as parroquias cando estea máis avanzada a documentación e se poidan realizar as alegacións de particulares.