Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG critica que “o PP de Barreiros preocúpase das persoas paradas unicamente en época eleitoral, mentras o seu partido aproba reformas laborais que destrúen emprego”

Barreiros, 23 de novembro de 2013. O pleno celebrado o xoves en Barreiros “ serviu para retratar ao PP e ao Alcalde de Barreiros, convertindoo nun paripé co que o Partido Popular pretende facernos crer que ten preocupación polas persoas desempregadas, cando eles aproban reformas laborais que son auténticas armas de destrución masiva do emprego.” Así se manifestan desde o BNG de Barreiros quen aseguran que “a preocupación que ten o Partido Popular é a de tapar as súas vergoñas, tapar que son o Partido do desemprego que, desde que chegaron ao goberno, crearon 2.000 novos parados na comarca de A Mariña.”

“Sabemos moi ben en Barreiros cal é a preocupación do Partido Popular con respecto ao desemprego e como esta preocupación sempre se manifesta en épocas preeleitorais. Como no ano 2007 que este concello, con pouco máis de 3.000 habitantes, chegou a ter contratadas máis de 190 persoas. Ou cando, curiosamente, as persoas que aparecen representando ás xuventudes populares no concello son ou foron traballadoras municipais. Esta é a preocupación do PP e do alcalde de Barreiros e o seu xeito de crear emprego: temporalmente para poder vender favores de cara ás municipais e con fins claramente partidarios.”

O Partido Popular pretende amosarse agora preocupado polas persoas que peor o están pasando, pero non se acordan delas cando os gobernos da Xunta o do Estado aproban medidas inhumanas ou inxustas que fan que as desigualdades sociais medren cada día e que as persoas que o están a pasar mal sexan cada vez máis. De feito, recorda a portavoz do BNG, “na única ocasión que o Alcalde de Barreiros se amosou combativo contra as medidas do PP foi cando se anunciou a reforma da Lei de administración local. Pero non polas consecuencias que pode ter na cidadanía, senón porque o seu salario de 50.000€ anuais e a dedicación do concelleiro de obras se verían considerablemente reducidas e non poderían seguir vivindo comodamente da política, mentras arruínan o concello de Barreiros.”

Os nacionalistas barreirenses amosáronse moi críticos coa actitude do PP de Barreiros, “ao servizo das campañas do seu partido e ausente á hora de defender os intereses das veciñas e veciños en cuestións como o repagamento dos medicamentos ou os recortes en educación, sanidade ou servizos sociais; impedíndolle incluso aos grupos da oposición presentar iniciativas neste tipo de cuestións para ser debatidas no pleno. Pola contra, cando o PP toca corneta e acorda convocar plenos en todos os concellos para orquestrar a súa campaña, asiste caladiño convocando incluso, como nesta ocasión, un pleno extraordinario. Polo tanto, unha vez máis, retrátase o señor Fuente Parga, faltando incluso á súa propia palabra e tratando temas que trascenden a municipalidade nos plenos de Barreiros. Agardemos que cando sexan outros temas que tamén afectan, e moito, ás veciñas e veciños de Barreiros, como a aportación da Xunta aos servizos sociais, os recortes en sanidade e educación, ou o roubo ás persoas emigrantes retornadas nas súas pensións, por poñer algúns exemplos; sexa igual de combativo e estea á altura das circunstancias”.

Exit mobile version