Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Mariña acusa ao Partido Popular de empregar aos Concellos e ás persoas paradas como reféns das súas campañas políticas

A Mariña, 21 de novembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego acode aos plenos convocados para este xoves polos gobernos do Partido Popular cunha mensaxe moi clara: “o verdadeiro destrutor de emprego, quen xerou 2.000 parados na comarca da Mariña nos últimos cinco anos, é o Partido Popular. Os gobernos dos populares si que son auténticos perigos públicos para lograr unha sociedade xusta.”

Desde as filas nacionalistas acusan aos populares de “hipocrisía” e de estar utilizando os concellos e as persoas máis necesitadas para a súa campaña. “O PP está instalado na oposición da oposición. Ao que teñen que dedicarse as señoras e señores do Partido Popular é a gobernar e a solucionar os problemas da xente. O que están facendo é xustamente o contrario: están creándolle máis problemas ás mulleres e homes deste País (o desemprego medra continuamente, empresas desaparecen tras ter investido diñeiro público, os servizos sanitarios redúcense e cóbrase por eles, o ensino deixase sen recursos… e un longo etc. que fai que a poboación estea cada vez en peores condicións.”

Tamén agardan desde o BNG que os alcaldes do Partido Popular sexan igual de belixerantes cando se trata de respostar ante as medidas inhumanas e inxustas que promoven a Xunta e o Goberno central, porque “para o único que levantaron a voz foi para criticar a reforma da administración local, pero non para preocuparse polos servizos que lles queren quitar ás veciñas e veciños, senón para protestar porque lles baixaban os salarios e, aí si, ata ameazaban con romper carnés do PP. Isto demostra que os alcaldes do PP non só non defenden os intereses xerais, senón que son auténticos vividores a costa da política.”

Neste sentido, desde o BNG instan ás alcaldías populares a que lle reclamen á Xunta de Galiza inversións na comarca para o plan de emprego que levan anos prometendo e que nunca chega, que utilizan demagoxicamente cando a cidadanía pide explicacións polas empresas que día tras día pechan as súas portas ou reducen os seus cadros de persoal deixando a centos de persoas na rúa. Os nacionalistas poñen o exemplo de empresas emblemáticas da comarca como Mobles Hermida, Ecar, Construcciones Mon, Gres Burela ou Sargadelos, algunhas delas receptoras de cuantiosas axudas públicas e todas elas caídas durante o goberno do Partido Popular sen que ningún dos agora defensores das paradas e parados levantaran a voz para pedir responsabilidades dun goberno do PP que se ten convertido no verdadeiro destrutor do emprego na nosa comarca e no noso País.” Por iso, o BNG presenta unha emenda aos orzamentos da Xunta de Galiza na que solicitan 3.000.000 de euros para plans de emprego e acompañamento para a Mariña e, “nese debate, é onde cada quen se posicionará e se verá se a preocupación polo desemprego na comarca é real ou só responde a unha estratexia partidista de desgaste das institucións nas que non goberna o Partido Popular.”

Exit mobile version