Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela critica que “o PP utiliza o pleno como instrumento para facer campaña e aplicar as políticas antisociais do Goberno do Estado e da Xunta de Galiza, no canto de solucionar os problemas reais da xente”

O pleno extraordinario celebrado este xoves en Burela é unha mostra máis, para o BNG, de que o PP está a usar as institucións ao servizo único e exclusivo dos seus intereses como partido, no canto de tomar decisións naqueles asuntos que realmente afectan aos veciños e veciñas de Burela, como a suba do lixo, o canon da auga, o IBI…

“O Sr. Alcalde está a usar os plenos municipais como instrumento para referendar as políticas antisociais que lle ditan desde o Goberno do Estado e desde a Xunta de Galiza, como puidemos comprobar no pleno da pasada semana, no que o PP aprobou a suba do canon de Sogama, que repercutirá no recibo do lixo que teñen que pagar todos os veciños e veciñas de Burela a partir do próximo ano. Mentres a propia Federación Galega de Municipios e Provincias ven de anunciar que solicitará á Xunta de Galiza medidas alternativas á suba prevista do canon de Sogama, o Alcalde de Burela quixo ir de abandeirado das políticas antisociais do PP e aprobar a suba xa a pasada semana”, recordan.

“Observamos tamén con certa preocupación como o Sr. González Barcia está collendo o costume de convocar por norma os plenos extraordinarios con carácter de urxencia, como o celebrado este mesmo xoves, que foi convocado con menos de 24 horas de antelación”, apuntan. En palabras de Mario Pillado, “o PP está a utilizar o pleno municipal como un instrumento ao servizo dos seus intereses partidistas, para facer campaña, esquecendo que a función principal do pleno non é outra que a de representar aos cidadáns e debater e tomar acordos naqueles asuntos que realmente afectan aos veciños e veciñas, e non para facer mitins do PP”.

Engadiu Pillado que “o Goberno Municipal non está lexitimado en absoluto para falar de emprego, pois desde que o PP chegou á Xunta de Galiza, destruíronse milleiros de postos de traballo en Galiza e na nosa comarca, como vimos de ver recentemente cos 41 despedimentos de Sargadelos e que se veñen somar aos centos de persoas afectadas polos peches de Mon, Gres Burela, Ecar, Hermida… Esta dramática situación tamén se está a dar noutros sectores estratéxicos para o noso País, como son o naval ou a pesca, que se están a ver seriamente agredidos polas nefastas políticas do PP”.

Por outra banda, “resulta sorprendente que o PP fale de criterios e bases en relación ao plan de emprego, cando o propio Goberno Municipal, do PP, ven de conceder subvencións públicas ás asociacións e colectivos de Burela, en concreto 25.000 €, sen ningún tipo de convocatoria pública nin bases que garantan os principios de transparencia e equidade, deixando fóra a numerosos colectivos que desenvolven unha importante actividade ao longo do ano”, segundo consideran.

“O pleno de hoxe é sen dúbida unha mostra máis de que o Sr. Alcalde está máis preocupado por contentar aos seus compañeiros de partido en Lugo, que por estar ao servizo dos veciños e veciñas, convocando plenos de urxencia para facer campaña e restando importancia a asuntos tan importantes como a ausencia de pediatras no Centro de Saúde de Burela. Cremos que este si que é un asunto de urxencia que afecta directamente á atención sanitaria infantil, e que o Sr. Alcalde debe exixir que se restableza integramente este servizo cos dous facultativos que ten asignados o Centro de Saúde”, conclúen os nacionalistas de Burela.

Exit mobile version