Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Burela denuncia que non se cubra a ausencia dos pediatras que traballan no Centro de Saúde

O BNG denuncia que o Centro de Saúde de Burela quedou sen servizo de pediatría durante o día de onte. Este feito, non fixo máis que agravar unha situación de precariedade e merma na calidade asistencial deste servizo que xa se viña dando nas últimas semanas, ao non ser cuberta a ausencia dun pediatra. Deste xeito, non só se produce unha redución do servizo pola ausencia dun dos dous especialistas, senón que tamén se dá unha diminución cualitativa na prestación do servizo ao ter que asumir un só facultativo a carga de traballo de ámbolos dous.

Para o BNG, esta situación non é casual, pois atende á ofensiva posta en marcha pola Xunta de Galiza e o Goberno do Estado contra o conxunto da cidadanía, especialmente contra aqueles sectores sociais máis sensíbeis, como as crianzas, os maiores, as persoas que padecen doenzas crónicas, o estudantado… A actual situación no Centro de Saúde de Burela constitúe un paso máis na feroz política de recortes e precarización que se está a producir na sanidade pública galega, afectando desta volta a un servizo tan básico como a asistencia sanitaria infantil.

O relamente preocupante de toda esta situación é que mentres a Xunta de Galiza castiga aos veciños e veciñas de Burela, o Alcalde, do PP, olla para outro lado como se aquí non pasase nada. Desde o BNG urximos ao Sr. Barcia a que demande da Xunta de Galiza a restitución íntegra deste servizo de forma inmediata, co fin de que se vexan garantidos os dereitos básicos dos veciños e veciñas de Burela.

Mentres tanto, ao PP de Burela, lonxe de estar preocupado pola delicada situación que atravesa a sanidade pública e exixir ao Goberno Municipal que actúe naquelas cuestións que realmente afectan á maioría dos veciños e veciñas, parece que só lle preocupa a inauguración do Torrentes. Non é de estrañar, tendo en conta a política de saraos e asistencia a eventos públicos de diversa índole que tanto lle gustan ao Alcalde e a todo o equipo de goberno. A foto da inauguración de Torrentes é sintomática deste xeito de entender a política do PP burelao, baseada no sensacionalismo máis propio da prensa rosa, e que non dista moito das reportaxes emitidas polo NO-DO.

Por último, desde o Consello Local do BNG, queremos trasladar todo o noso apoio ao novo concelleiro, Mario Pillado, quen representa a renovación que se está a dar no BNG local e que parece que tanto molesta no PP. Resulta sorprendente que o PP fale de corremento de listas, cando precisamente o actual rexedor de Burela, o Sr. González Barcia accedeu á alcaldía en 2005 sendo o número cinco da candidatura do PP, despois da renuncia dos catro concelleiros que lle precedían, alcalde incluído. Polo tanto, PP non é quen de darlle leccións a ninguén neste sentido. Desde o BNG continuaremos a traballar pola renovación e pola defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Burela, por moito que ao PP lle moleste.

Exit mobile version