Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Cervo recorda que “se lle pide a Villares que corrixa as eivas do decreto de comedores, non que financie o transporte a veciñanza doutros concellos”

Cervo, 23 de novembro de 2013. O BNG criticou as insinuacións do alcalde de Cervo, Alfonso Villares, ao anunciar o financiamento cos impostos da veciñanza de Cervo do transporte escolar para o CEIP de Cervo co fin de transportar alumnado procedente do concello veciño de Burela. Non é de recibo, “e incluso cuestionan a súa legalidade”, que o goberno municipal con cargo as arcas municipais, vaia asumir o gasto de transporte escolar do alumnado residente fora municipio e matriculado no CEIP de Cervo. Os nacionalistas reclámanlle a Villares que “no canto de practicar o escapismo político asuma corrixir as eivas dun decreto de comedores que fai perder dereitos adquiridos, supón un ataque á igualdade de oportunidades e penaliza a residentes no medio non urbano.”

O TRABALLO DUN ALCALDE É SOLUCIONAR OS PROBLEMAS DA XENTE RESIDENTE NO SEU MUNICIPIO, NON DA QUE VIVE FORA.
Para o BNG a idea suxerida por Villares de financiar transporte escolar a residentes fora do municipio “non se sostén e cuestionan a súa legalidade”, “o traballo dun alcalde é solucionar os problemas das persoas residentes no seu municipio, non das que viven fora, sexa en Burela ou onde sexa”.

Os nacionalistas pídenlle ao alcalde “que non intente matar moscas a cañonazos” e reclámanlle co CEIP de Cervo, “o mesmo esforzo que aplicou ate fai pouco con outro centro escolar do municipio”. Nesta liña, cuestionan que a proposta de Villares de poñer en funcionamento un transporte escolar sexa viábel tendo en conta que o período de hora e media estipulado polo centro escolar entre a saída de mañá e a entrada pola tarde é insuficiente para que os escolares sexan transportados ás súas casas, coman, e volvan a tempo para as clases da tarde. Tampouco, engaden dende o BNG, axuda a compatibilizar a vida laboral e familiar.

PÍDENLLE VALENTÍA PARA CORREXIR AS EIVAS DUN DECRETO DE COMEDORES QUE PENALIZA AOS RESIDENTES NO MEDIO RURAL E REMATA CON DEREITOS ADQUIRIDOS E A IGUALDADE DE OPORTUNIDADES NO ACCESO AO ENSINO PÚBLICO.
Dende o BNG lembran que o servizo de comedor escolar do CEIP de Cervo e o transporte foi creado, como moitos do país, precisamente para paliar as distancias ao centro escolar dos núcleos rurais despois de pechar as antigas escolas unitarias. O decreto de comedores da Consellaría de Educación golpea nesa discriminación positiva co rural, elimina a gratuidade do comedor para os desprazados e abre portas ao pago do transporte escolar en liña co ideario do Partido Popular de apostar pola promoción dos centros privados como alternativa a un ensino público cada vez degradado pola mesma administración que o debera protexer.

Os nacionalistas esixen a Villares valentía para confrontar a desfeita deste decreto e solucionar os problemas da veciñanza de Cervo, non da que vive fora do municipio, arbitrando medidas de estímulo que eviten desigualdades ás familias do rural que viven mais lonxe dos centro de ensino. Para o BNG Villares so ten unha alternativa que pasa por suplir dende o concello as carencias deixadas polo Decreto de Comedores.

Exit mobile version