Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz afirma que o PXOM vai ter para os veciños un custo superior ós 30 millóns de euros

Foz a 2 de novembro de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego de Foz deu a coñecer o custo que o Plan Xeral de Ordenación Municipal vai ter para os veciños de Foz, tal e como se recolle na Memoria Económica do mesmo. O custe total do PXOM ascende nin máis nin menos que a 39.252.000 euros. O problema é que o gordo do seu investimento débese facer obrigatoriamente en 8 anos, unha contía e unha temporalidade que evidencia que estamos diante dun Plan que é inviable na súa execución e que representa un auténtico saqueo para o conxunto dos veciños de Foz.

Xoán Carlos González Basanta informou que “a Memoria financeira do PXOM establece unha achega económica para desenvolver traballos de urbanización no solo urbanizable non delimitado que se sitúa en Fazouro de 4.527.000 euros, 5.427.000 euros para desenvolver os do solo urbanizable delimitado (os Plans Parciais de Folgueiras e tras As Torres-Llas) e 8.329.000 euros para desenvolver os das bolsas de solo urbano non consolidado, correspondéndose neste solo a contía máis alta co polígono delimitado en Cangas que ascende 1.108.000 euros. Non hai dúbida que aquí danse algúns dos casos máis sangrantes, posto que os propietarios deste solos a máis de ceder o terreo, de ter que asumir que lle derruben a vivenda nalgúns casos (algo que resulta escandaloso na área de Folgueiras ou nas bolsas de solo urbano non consolidado), e de que a edificabilidade sexa ridícula, teñen que asumir do seu peto o pago da totalidade dos servizos. Abonda un repaso ao que vimos de referir para concluír na inviabilidade da proposta e do saqueo que se pretende perpetrar, até o punto de que na área do urbanizable de Folgueiras onde se derriban 11 vivendas, cargarlle aos propietarios só en concepto de urbanización 3.194.000 euros ademais e obrigalos a ceder gratuitamente os terreos destinados a vías, parques e xardíns e reservas dotacionais é demasiado”.

O BNG de Foz tamén deu a coñecer que nas áreas de solo de licenza directa, isto é, o que se corresponde co solo urbano consolidado ou solar e co solo de núcleo rural as achegas para traballos de urbanización e reurbanización fíxanse 12.331.000 euros, dos que 8.011.000 de euros é para actuación no solo de núcleo rural que se concentra fora da vila e 4.320.000 para obras de urbanización no solo urbano consolidado que se concentra en Foz con 2.625.000 euros, con outras bolsas en Cangas (855 mil euros), Nois (299 mil euros), Fazouro (87 mil euros) e Vilaronte (291 mil euros).

Segundo o portavoz nacionalista, non podemos dar por bo que se pretenda cargar aos veciños a totalidade dos custos de urbanización, reurbanización, abastecemento, saneamento ou dos sistemas xerais e das zonas verdes cando os problemas derivan dun momento de urbanismo desaforado sen que a todos aqueles que fixeron diñeiro a esportas co ladrillo lle fixeran asumir esas cargas que por lei lles correspondían. Pero hai máis, boa parte das actuacións débense executar nun prazo máximo de 8 anos desde a aprobación do Plan, algo que resulta na práctica imposible”, rematou o Portavoz Nacionalista, Xoán Carlos González Basanta.

Para presentar e valorar o Plan Xeral, o BNG convoca unha primeira charla informativa para o próximo mércores, día 6 de outubro, na Casa da Cultura, a partir das 20:30 horas.

Exit mobile version