Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG pídelle ao Concello de Barreiros políticas reais de igualdade e non actos conmemorativos de cara á galería

Barreiros, 24 de novembro de 2013. O BNG de Barreiros levará ao pleno de mañá unha moción, que xa presentou por rexistro e que a Alcaldía non incluíu na orde do día, para que o concello de Barreiros se involucre de xeito real e non de cara á galería na loita contra a violencia machista que asola ás mulleres.

Para o BNG, que o Alcalde que hai uns meses dixo nunha sesión plenaria a frase de que “as feministas o son ata que se casan” presente un plan de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, é unha mostra máis da hipocresía do Partido Popular e da necesidade que teñen de tapar a súa verdadeira cara.

O que ten que facer o Partido Popular é censurar a persoas que, coma Alfonso Fuente, ensinan o seu desprezo e falla de respecto absoluto polas mulleres, porque doutro xeito o que están a demostrar é que esa é a súa verdadeira sensibilidade na loita real pola igualdade das mulleres.

“Desde logo, a desigualdade entre mulleres e homes non se vai solucionar cun plan de 9 follas, cargado de tópicos e no que se recollen actuacións como certames de poesía, teatro ou voluntariado como actuacións centrais; sen contar con ningún tipo de medida ou contraste real sobre a situación das mulleres do concello de Barreiros. Tampouco son a solución xornadas con cursos de autodefensa nos que parece que a responsabilidade de non ser vítimas da violencia machista se traslada ás mulleres, como a promovida para a tarde do domingo en colaboración cunha asociación de voluntariado creada recentemente encargada de trasladar a ideoloxía de beneficencia máis rancia. Se estas actuacións puntuais non teñen o correlato na implicación real da institución municipal, senón que, ao contrario, o seu máximo representante traslada unha actitude de falla de respecto ás mulleres; non deixan de ser actos publicitarios e oportunistas”, explica a portavoz municipal, Ana Ermida. Para o BNG este plan “é un intento do alcalde de Barreiros de amosarse concienciado hipocritamente, cando no seu día a día non só non se preocupa da situación das mulleres, senón que ten actitudes realmente dignas do machismo máis rancio que está asentado na institución municipal.”

Exit mobile version