A escuadra burelista saíu pisando forte á pista de Vista Alegre, consciente da importancia do que estaba en xogo. O asedio sobre a portería do Montesinos tivo o seu primeiro premio antes do segundo minuto, con Hugo. Tras as tentativas de Antoñito, a pase de Hugo (minuto 2), e Matamoros, nun control de lonxe (minuto 3), os de Juanlu puideron subir o 2-0 ao electrónico nun balón roubado que chocou contra o corpo de Yeray (minuto 6). Os murcianos, sen apenas marxe de movemento, non conseguiron adiantar filas ata o minuto 11; nesa primeira oportunidade, os paus evitaron o empate dos visitantes. Álex estivo moi acertado nunha loita formada na área laranxa co esférico para Rubén Zamora. Logo da intervención de Juanma de lonxe para intentar sorprender o meta de Montesinos, chegou o merecido 2-0, nun centro de Iago Míguez que meteu Pizarro baixo os paus en acción defensiva. Matamoros, no 17, e Mimi, en corpo a corpo co porteiro a falta de 20 segundos para finalizar o primeiro tempo, tiveron nos seus pés o 3-0. A bucina soou con Rubén Zamora como porteiro-xogador.
Tras o descanso, equilibrouse a contenda. O Jumilla viu a súa primeira oportunidade no minuto 22, cun disparo de Boyis desbaratado por Álex. A ocasión laranxa protagonizouna Matamoros a balón parado. O traballo defensivo intensificouse para os burelistas coa chegada de Edu, que substituíu no 23 a Álex, con molestias nun xeonllo tras un despexamento na recta final do primeiro período. Rozando o 30, Josiko intentou sorprender o porteiro naronés tras roubo a Hugo, sen éxito. En xogada de estratexia volveu dispor dunha ocasión de ouro o Pescados Rubén para sentenciar o encontro, con Antoñito, nun balón que sacou da escuadra Yeray. O equipo levantino volveu apostar polo xogo de cinco para a remontada, con Cristian, a falta de sete minutos para o final. As táboas do meta galego frearon as arremetidas do Jumilla, co apoio dunha defensa laranxa que permaneceu firme. Entre as máis perigosas, Edu saíu vitorioso nun envelenado man a man con Ique no minuto 35. Nos últimos segundos, Mimi tivo nas súas zapatillas o 3-0 a porta baleira, rozando o pau.
Ficha técnica
Burela FS Pescados Rubén: Álex, Mimi, Hugo, Matamoros, Antoñito, cinco inicial; tamén xogaron Burrito, Iago Míguez, Isi, Juanma, Edu.
Montesinos Jumilla FS: Yeray, Boyis, Ique, Chinés, Pichi, cinco inicial; tamén xogaron Pizarro, Cristian, Rubén Zamora, Josiko, Baca, Rober.
Goles: 1-0, minuto 1, Hugo; 2-0, minuto 14, Iago Míguez (Pizarro p.p.)
Árbitros: Felipe Madorrán // Gereta Ramírez (País Vasco)
Tarxetas: Por Montesinos, amarela a Cristian (minuto 34), Pizarro (minuto 37), Josiko (40)
Incidencias: Partido correspondente á novena xornada de Primeira División LNFS (Vista Alegre), emitido en directo por TVG2, con máis de 1.000 espectadores nas bancadas.