Empatado a 25 puntos co Ciudad de Alcorcón, o Burela FS defenderá a segunda praza asediando os movementos do Atlético de Madrid Navalcarnero (28 puntos). O líder visita a pista do Viaxes Amarelle (sétimo, 15 puntos) e Alcorcón recibe o Soto del Real (décimo cuarto, 8 puntos).
As pupilas de Quico Otero mediranse a un equipo que ocupa a sexta praza (16 puntos), serio e ben traballado. “Debemos ter a cabeza no noso sitio porque posúen alternativas para sorprendernos” advertía o técnico mariñán, destacando “a agresividade na presión e o traballo de estratexia” entre as bazas do rival. Despois de tres triunfos consecutivos, o Roldán caeu derrotado ante o UA Alicante (5-3), cita pola que o adestrador murciano foi amoestado con 4 partidos de suspensión.
A expedicón laranxa porá rumbo a terras levantinas esta noite, ás 22.30 horas. A única ausencia será a da xoia burelista Paula. “Chegamos con pequenas molestias que poderemos facer desaparecer agora no descanso de competición” puntualizaba Quico Otero.
Internacionais laranxas
O Burela FS terá a honra de contar con tripla representación no Campionato do Mundo. Lidia Mesías e Peque incorporaranse á concentración de España o domingo na Cidade do Fútbol de Las Rozas (20.00 horas). Jozi, pola súa banda, está chamada para reunirse coa Selección do Brasil o luns en Brusque (Santa Catarina).
*Foto: A Caixa Escura Produccións