Site icon Crónica3.com A Mariña

O CEIP Pedrosa Latas de Viveiro conta con conexión a Internet de 100 megas grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta

Santiago, 22 de novembro de 2013.- A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) vén de completar a implantación de redes de nova xeración con 100 Mbps de velocidade no CEIP Antonio Pedrosa Latas de Viveiro xunto con outros 18 centros educativos das provincias de Pontevedra, Coruña, Ourense e Lugo. Así, en Galicia son xa 219 os centros educativos aos que se lles facilitou o acceso a esta tecnoloxía no último ano grazas ao Plan de Banda Larga da Xunta.

No marco das actuacións do Plan a Amtega vén de duplicar tamén a velocidade de subida en todos os centros con conexións a redes NGAs, que pasan de 5 a 10 megas de velocidade.

A implantación de redes de 100 Mbps permite multiplicar por 10 a velocidade de baixada. Deste xeito o alumnado pode ter un acceso máis efectivo á Rede, sen esperas ou contratempos; pode conectarse simultaneamente un maior número de usuarios e permite o funcionamento de máis aplicacións informáticas cun tempo de resposta adecuado.

Plan de Banda Larga
A mellora da conectividade dos centros educativos é posible grazas á posta en marcha pola Xunta do Plan de Banda Larga de Galicia, que contempla entre as súas actuacións, e en colaboración co operador R, a extensión destas redes de nova xeración (NGAs) coas velocidades máis punteiras.

Con esta actuación búscase dotar tanto ás cidades como ao rural da mellor conectividade posible, e de colocar á comunidade educativa na vangarda do progreso, con proxectos como o Abalar para integrar as TIC no sistema educativo.

Redes de Nova Xeración
Para o desenvolvemento de proxectos como Abalar e para a integración das TIC en todos o ámbitos administrativos é fundamental contar infraestruturas de telecomunicación adecuadas. Por iso, unha das actuacións do Plan é a extensión de redes de nova xeración con velocidades de 100 Mbps, da que xa se benefician máis de 1 millón de galegos. Un obxectivo que se cumpriu con cinco meses de adianto e que a finais de 2013 alcanzará a metade da poboación galega (1,4 millóns de persoas).

En total, serán máis de 200 núcleos de toda a Comunidade os que teñan acceso a estas infraestruturas que permitirán desenvolver modelos de negocio máis eficaces e eficientes, novas formas de producir e comercializar produtos e servizos e diferentes xeitos de comunicación entre cidadanía, empresas e administracións.

Exit mobile version