Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Burela prevé aprobar o modelo de convenio para a concesión das subvencións na xunta de goberno do 26 de novembro

Burela, 18 de novembro de 2013. O Concello de Burela comunicará oficialmente a concesión das subvencións ás asociacións e colectivos beneficiarios nos vindeiros días, co ánimo de “axilizar o máximo posible o abono das contías concedidas”, segundo afirmou o concelleiro de Economía burelés, José Casas Martínez.

O edil manifestou que “logo de que teña rematado o período de exposición pública do acordo adoptado polo pleno no seu día, en concreto o pasado dez de outubro, non se ten recibido ningunha alegación ou reclamación, co que o acordo pasa a ser definitivo. A este respecto, nada que dicir, soamente que cada quen saque as súas propias conclusións, logo de tanta polémica montada de forma totalmente interesada polos que retiraron no seu día as subvencións e agora protestan porque o PP as recupera”.

O responsable de Economía do equipo de goberno burelés afirmou que “o grupo de Goberno xa ten redactados os modelos de convenio a través dos cales se procederá a conceder e xustificar as subvencións aprobadas polo pleno municipal. Neste sentido, na xunta de goberno do día 26 deste mes temos previsto aprobar os modelos de convenio, que logo serán asinados polo alcalde e os representantes de colectivos e asociacións”.

Casas Martínez indicou que “o obxectivo do alcalde e do equipo de goberno, ademais de axilizar todo o que se poida o procedemento para que os colectivos teñan as subvencións ó seu dispor canto antes, é facilitarlles as cousas ás asociacións para que non haxa atrancos na tramitación da xustificación das subvencións”.

José Casas rematou lembrando que “as subvencións correspóndense co exercicio presupostario do presente ano 2013 e deberán xustificarse tamén no presente ano”.

Exit mobile version