“No día de onte preto de 50 persoas maiores de 65 anos, a maior parte delas membros do taller de memoria, acompañadas pola educadora social e tamén por min, visitamos o balneario de Augas Santas, en Pantón. O motivo desta viaxe era achegarnos a un establecemento como este, que aparte de relax ofrece algo moi importante para as persoas maiores, que son beneficios medicinais. Para iso asistimos a unha charla do médico do balneario, na que explicou pormenorizadamente para que son boas as augas deste centro termal en concreto. Posteriormente xantamos todos xuntos no propio balneario e a continuación visitamos unha bodega na Ribeira Sacra, na que coñecemos o proceso de elaboración do viño e aparte puidemos ver in situ o duro que é o traballo da recolección da uva para posteriormente facer ese viño”, explicou a rexedora municipal.
Emma Álvarez engadiu que “como conclusión da viaxe sacamos que un grupo importante de persoas está interesado en facer unha excursión termal e estando aquí, ao carón, este balneario que ten propiedades para problemas respiratorios, para artrose ou incluso para a pel formulóusenos a posibilidade de facer un grupo de persoas non inferior a 30 para que participen todos xuntos ao mesmo tempo nun programa do Imserso neste mesmo balneario. Trataremos de recadar a información daquelas persoas que estean interesadas, para xestionalo co balneario no mes de xaneiro e así poder disfrutar en febreiro ou en marzo todos xuntos desta viaxe, pois sempre é máis apetecible que ir de xeito individual a un balneario onde non coñeces a ninguén. Desta maneira irían polo menos 30 persoas que xa se coñecen porque moitos deles están no taller de memoria, son todos veciños e pasaríano en grande naqueles momentos de ocio que hai ademais dos tratamentos”.
A alcaldesa rematou comentando que “os Servizos Sociais do Concello poñeranse en contacto coas persoas que asistiron á viaxe de onte e farémolo público para que se poidan apuntar o resto de veciños maiores de 65 anos e tamén poderán participar as súas parellas aínda que sexan menores desa idade. Esperemos que haxa persoas interesadas en número suficiente para poder facer esa viaxe e que resulte unha actividade frutífera para os que participen”.