Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Xove adquire unha nova desbrozadora para o departamento de obras

DESBROZADORA DE BRAZO LATERAL (1)O Departamento de Obras do Concello ven de adquirir unha desbrozadora de brazo lateral recto, a cal se acopla a un tractor desbrozador. Esta nova desbrozadora, loxicamente, substitúe a unha vella que xa finalizou a súa vida operativa. Hoxe, o alcalde Demetrio Salgueiro, acompañado do encargado de persoal de obras, estivo vendo “in situ” o funcionamento desta nova desbrozadora, podendo comprobar unha mellora de prestacións respecto á vella; unha das melloras sinaladas é o maior alcance do brazo, que vai permitir rozar máis e mellor, e tamén chegar a zonas onde a vella non podía.

O investimento realizado nesta máquina foi de 40.000 euros, séndolle adquirida á empresa Agrícola Curtis S.L. Desta cantidade total, o noso Concello aportou 12.000 euros, correspondendo os restantes 28.000 €uros a unha subvención da Consellería de Presidencia, concretamente a liña de concorrencia competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, destinada a entidades locais de Galicia, que ven recollida nunha orde do pasado 13 de maio e que saíu publicada no DOG do 16 de maio deste ano.

Cabe sinalar que a A Lei 8/2009, do 22 de decembro, regula o aproveitamento eólico en Galicia, crea o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental. O canon, na súa calidade de prestación patrimonial de dereito público de natureza extrafiscal e real, ten como obxectivo contribuír a regular na nosa comunidade autónoma o ambiente na súa consideración de ben protexido; o artigo 9 da citada lei establece que os ingresos derivados do canon, deducidos os custos de xestión, se destinarán á conservación, reposición e restauración do ambiente, así como a actuacións de compensación e reequilibrio ambiental e territorial das cales serán principais beneficiarios os municipios afectados pola implantación de parques eólicos e polas instalacións de evacuación destes. O Fondo de Compensación Ambiental ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e reequilibrio territorial.

Exit mobile version