Site icon Crónica3.com A Mariña

O Consello Municipal das Mulleres de Ribadeo aproba o II Plan de Igualdade no Concello de Ribadeo

Ribadeo, 27 de novembro de 2013. Este mérocres ás 20:30 horas reúnese no salón de plenos o Consello Municipal das Mulleres para aprobar o II Plan de Igualdade entre Mulleres e Homes (2013/2016) do Concello de Ribadeo, que despois irá a pleno.

Por outra banda, a Mesa Interinstitucional de Violencia de Xénero, que se reúne trimestralmente, fai a seguinte valoración sobre a violencia de xénero existente en Ribadeo:

“O número de denuncias por violencia de xénero nos últimos 5 anos diminuíu nun 9,6%, segundo o Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Isto non se corresponde coa diminución do número de casos, senón que estamos ante unha bolsa oculta de maltrato que non deixa de medrar. O primeiro trimestre deste 2013 equipárase nas denuncias interpostas ao número das presentadas no primeiro trimestre do 2007, que foi o momento no que se comezou a recoller ese dato na estatística xudicial.

Por outra parte, os recursos para ofrecerlle ás mulleres vítimas de violencia de xénero cada vez son menores e a sensibilidade das persoas nos diferentes ámbitos (policial, sanitario, educativo, social e xudicial) minguou considerablemente. Hai unha mensaxe de desmobilización e desesperanza para quen no seu fogar, en silencio sofre día a día esta barbarie froito do patriarcado.

A crise está a ocasionar o recrudecemento da violencia económica. As mulleres afectadas pola reforma laboral, polos recortes en dependencia, polos despidos teñen que volver a depender das súas parellas, reconvertidos como antano nos principais sustentadores da economía familiar. Todo isto, unido ao illamento, o maltrato psicolóxico que anula ás vítimas deixándoas sen vontade, ou ao medo aos golpes e a morte ten un resultado final enganoso: redúcese o número de denuncias, pero non porque diminuíran os casos de violencia. Por poñer, un dato, no que levamos de 2013, só un 18,2% das mulleres asasinadas denunciara previamente ao seu agresor.

O empeoramento económico acompañado de falta de alternativas desde as institucións ten un efecto disuasorio nas vítimas. De novo, estamos ante unha situación que require a necesidade de emancipación das mulleres para poder dar o paso a unha vida independente do agresor. A violencia económica é moi agresiva, terrible, porque non se ve e non se detecta. A violencia económica leva á violencia psicolóxica, pero ambas son difíciles de probar o que leva engadido que para demostrala, a vítima ten que atoparse cunha xuíza ou xuíz que sexa capaz de recoñecer os síntomas desta violencia psicolóxica.

Outra circunstancia preocupante é a diminución das medidas cautelares impostas polos xulgados de violencia de xénero. Por exemplo, das 7.750 ordes de protección acordadas no primeiro trimestre do 2012, este ano no mesmo período só se ditaron 4583, o que supón un descenso do 7,11.

Cabe subliñar tamén a práctica cada vez máis estendida por parte dos maltratadores de poñer fin á muller acompañada das e dos fillos, como está a acontecer nos casos máis graves de violencia, que son os que rematan en feminicidios (que é como en verdade deberíamos chamar aos asasinatos das mulleres). Neste ano 53 mulleres e 7 nenos/as perderon a vida.

E por último, queremos amosar a preocupación polo incremento de casos de maltrato entre nenas e adolescentes influído tamén porque o inicio das relacións de noviazgo no Estado español adiantouse aos 13 anos. Un terzo das mulleres que son vítimas de violencia de xénero son menores de 30 anos. O maltrato non se cingue ás agresións físicas. Comezan a darse formas de violencia máis propias desta xeración, as que xurden co uso das novas tecnoloxías que resultan aínda máis difíciles de detectar e distinguir. As redes sociais, os servizos de mensaxería utilizados nos teléfonos móbiles, como o Whatsapp, entre outros instrumentos están facendo dano entre a xente moza, combinado con outras formas de violencia máis propias desta xeración como a que se exerce cos ciumes. Unha alta porcentaxe de xoves recoñece os ciumes como unha manifestación de amor no canto de cualificalos como unha forma de control.

Son formas de violencia máis silenciosas pero que é importante que sexan recoñecidas para ser combatidas”.

A Mesa Interinsitucional de Violencia de Xénero, xurdiu no 2008 a raíz da elaboración do protocolo local que ten Ribadeo para a prevención, detección e atención ás vítimas de violencia de xénero. Desta Mesa forman parte o sector educativo (un representante por centro de ensino), o sanitario, a Policía Municipal, forzas e corpos de seguridade do Estado, e o persoal do Concello da Área de Igualdade.

Exit mobile version