Site icon Crónica3.com A Mariña

O GPP reivindica o compromiso e apoio da Deputación na continuidade e viabilidade do grupo Cerámica de Sargadelos

Lugo 24 de novembro de 2013.- O Grupo Provincial do Partido Popular na Deputación de Lugo levará ao próximo pleno unha moción na que reivindica o compromiso e apoio da Deputación de Lugo na continuidade e viabilidade do proxecto industrial de Sargadelos.

Os populares explican que urxen de xeito especial esta colaboración tendo en conta que foi a única administración que, no seu momento, non achegou ningún compromiso económico en apoio destes traballadores, lonxe de pequenas colaboracións con algunha das súas actividades culturais.

Deste xeito e de forma concreta, os populares reivindican na súa moción que a Deputación Provincial de Lugo colabore coa empresa Cerámica Sargadelos, ao igual que fixo a Xunta de Galicia, e que desta forma adopte todas as medidas que poda levar a cabo dentro das súas posibilidades.

O Grupo Provincial do Partido Popular solicita esta implicación co obxecto de que vaia dirixida á recuperación da actividade promovida pola fábrica, necesaria para facer viable e salvar unha compañía que forma parte da historia de Galicia e de gran importancia para a provincia.

Máis implicación e menos pancarta
O Grupo Provincial do Partido Popular lamenta que a administración provincial, dirixida por José Ramón Gómez Besteiro, sexa a única que non ten apoiado a Sargadelos que volve a pasar por unha situación de dificultade.

Deste xeito, os populares da Deputación de Lugo reivindican do PSOE “maior colaboración e máis feitos” e, polo contra, menos critica xa que á hora da verdade o único ao que se adican é “a poñer a pancarta, sendo a Xunta de Galicia ou o goberno de Cervo os que teñan que atopar solucións”.

O Grupo Provincial do Partido Popular explica que a axuda outorgada no seu momento pola Xunta serviu para daquela evitar o ERE extintivo e abrir novas oportunidades de negocio. Porén, as pequenas colaboracións da Deputación ás actividades culturais de Sargadelos non permiten nin manter postos de traballo nin fomentar o emprego.

Cinismo político

O GPP tacha de “cinismo político” que un partido político, o PSOE, estea a demandarlle á Xunta de Galicia un programa específico de emprego para a Mariña cando a Deputación de Lugo, gobernada polo mesmo partido en colaboración co BNG, inclúe no seu plan só a un municipio desta comarca.

Neste senso, os populares pídenlle ao PSOE que tenten acadar que o seu partido na Deputación de Lugo dea exemplo creando un verdadeiro plan de emprego que inclúa a todos os concellos da provincia e que beneficie ao maior número de parados.

Ao mesmo tempo, dende o GPP esíxenlles aos socialistas que non boten balóns fóra e veña “pedindo agora explicacións un goberno que non se involucrou con Sargadelos” pese a tratarse dunha empresa “singular, xa que a maiores da súa compoñente meramente industrial ten unha transcendencia de identidade cultural e unha composición do seu cadro de persoal moi particular, ao estar composto case na súa totalidade por mulleres”.

Exit mobile version