Site icon Crónica3.com A Mariña

O Grupo Municipal Socialista do Valadouro presenta unha moción sobre SOGAMA

O Grupo Municipal do Partido dos Socialistas de Galicia – PSOE de O Valadouro, en base ó disposto nos artigos 91.4 e 97.3 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais e demais normativa de aplicación, presenta moción relativa a instar á Xunta de Galicia a desistir da pretensión sa duba do canon polo tratamento do lixo na planta da Sociedade Galega do Medio Ambiente (SOGAMA), con base na seguinte exposición de motivos:

No proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014, presentado pola Xunta de Galicia, e en concreto na Disposición Adicional 21ª, Dous, preténdese a revisión do canon unitario de tratamento por tonelada de lixo, a percibir pola Sociedade Galega de Medio Ambiente, pasando este a alcanzar un importe de 74,64 €/Tonelada métrica tratada, mais IVE.

Na actualidade o importe que abonan os 296 concellos galegos, que utilizan os servizos de SOGAMA, é de 55,91 €/Tonelada métrica tratada, mais IVE, co cal, de aprobarse definitivamente a pretensión da Xunta de Galicia, o canon se incrementaría nun 33,5%.

Xustifica a Xunta este desmedido incremento na caída das primas estatais que percibe SOGAMA pola valorización enerxética dos residuos (incineración de lixo), caída que ten a súa orixe nunha decisión do Goberno Rajoy.

O certo é que, analizando as contas que se recollen no proxecto orzamentario autonómico para o próximo ano, SOGAMA, co novo canon, pasaría de ter perdas no exercicio de 2013 a ter uns beneficios no 2014 de 6.624.160€, despois de impostos.

Non resulta comprensible, nin aceptable que unha sociedade do sector público autonómico galego como SOGAMA, adscrita á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, na que a Xunta de Galicia ten o 51% do capital social, se plantee, nos tempos de crise que estamos a sufrir, a prestación dun servizo público, con afán recadatorio, toda vez que o fin da suba non é o de conseguir a simple cobertura de costos do servizo, senón tamén o de xerar uns inxustificados beneficios, beneficios que serían directamente detraídos dos xa moi empobrecidos petos dos cidadáns.

É de todos coñecido que a práctica totalidade dos concellos están a sufrir unha importante diminución dos seus ingresos, atopándose nunha situación moi delicada que lles ten obrigado a deixar de prestar ós seus veciños algúns servizos moi necesarios. De levarse a cabo este incremento que pretende a Xunta a penuria do municipalismo galego será moitísimo maior.

A Xunta de Galicia, en vez de demandar compensacións ó Goberno central polos recortes que sufrirá SOGAMA nas primas pola coxeneración eléctrica, opta pola solución socialmente mais inxusta: incrementar o canon, obrigando ós Concellos a subir as taxas que deberán abonar os seus veciños pola recollida do lixo.

Resulta insultante a carencia da mais mínima sensibilidade social da que da mostra a Xunta de Galicia do Partido Popular nun asunto como este. Gobernando baixo a fórmula do “ordeno e mando” da as costas ós galegos e castiga dun xeito inmisericorde os seus intereses.

Os Socialistas apostamos por afrontar esta situación dende o diálogo e o respecto institucional entre os poderes locais, representados na FEGAMP, e o poder autonómico, e demandamos da Sociedade Galega de Medio Ambiente ter cumprido coñecemento da realidade da súa xestión económico financeira e organizativa, así como dos parámetros de eficiencia medio ambiental e ecolóxica que alcanza no tratamento dos residuos que se lle confían.

Por todo o anterior, o Grupo Municipal Socialista de O Valadouro, propón ó Pleno municipal a adopción dos seguintes ACORDOS:

1º. Demandar ó Presidente da Xunta de Galicia a urxente retirada da proposta de incremento do canon por tratamento de residuos, recollida na Disposición Adicional 21ª, Dous, do proxecto de Lei de Orzamentos Xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2014.

2º. Demandar ó Presidente da Xunta de Galicia e ó Presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias a creación e posta en marcha dunha mesa de negociación, na que, coa presenza e colaboración de SOGAMA, se estuden os custos reais do tratamento de residuos dos concellos.

3º. Dirixirse a todos os Grupos políticos, con representación no Parlamento de Galicia, a fin de que requiran da Xunta de Galicia a realización dunha auditoría externa (económico financeira, recursos humanos, produción, medio ambiental, etc.) da Sociedade Galega de Medio Ambiente, dándose traslado dos seus resultados á totalidade dos concellos que utilicen seus servizos.

4º. Demandar do Presidente da Xunta de Galicia que, para o caso de que non se retire a iniciativa da nova tarifa do canon de tratamento de residuos dos orzamentos autonómicos do 2014, o incremento que sufra o mesmo respecto ó do ano 2013 sexa asumido integramente polo Goberno autonómico, sen repercusión algunha nas transferencias ós concellos.

Exit mobile version